Concello de Sanxenxo - A XUNTA LICITA A SENDA PEONIL QUE UNE O VINQUIÑO E CONTUMIL PARA GARANTIR A SEGURIDADE VIARIA NA CONTORNA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá un encontro co alcalde, Telmo Martín

Unir O Vinquiño e Contumil de forma segura para o peón é o obxectivo que se persegue coa senda que a Xunta sacou hoxe a licitación por 170.000 euros. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde, Telmo Martín, no que se abordou esta actuación. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 5 de xuño e prevese adxudicar a finais de verán. O prazo de execución da obra é de 2 meses polo que estará concluída leste mesmo ano.

O proxecto contempla un itinerario peonil de 382 metros de lonxitude entre ambas as marxes da autovía, o que permitirá superar unha barreira para a mobilidade dos peóns e reforzar a seguridade viaria. A execución desta senda leva aparellada a expropiación de 16 leiras cunha superficie total de 85,16 metros e o pago de preto de 8.000 euros.

En concreto, a nova senda partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita do punto quilométrico 0+690 da estrada PO-504 e estenderase ata o 0+870. Nese punto, deixado atrás o paso inferior sobre a VG-4.1, o trazado da senda discorrerá paralelo ao pé do noiro da continuación da autovía do Salnés, para finalizar na glorieta inferior do enlace. Con esta solución evítase o paso polo enlace da glorieta, polo que se consegue unha maior seguridade viaria.

A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada. A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública de modo que se garanta a seguridade dos usuarios, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras dispostas no tramo que discorre paralelo á PO-504.

0
0
0
s2sdefault