Concello de Sanxenxo - ALUMNOS E ALUMNAS DO IES VILALONGA PRESENTAN TRES PROXECTOS PARA EXECUTAR EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Unha piscina de ondas para practicar surf, un campamento para desconectar e gozar da natureza e unha cafetaría con gatos rescatados da rúa. Eses foron o tres proxectos que os alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES de Vilalonga, acompañados da súa profesora de Actividade Emprendedora e Empresarial, Carmen Iglesias, presentaron esta mañá no salón de plenos do Concello de Sanxenxo ao alcalde, Telmo Martín; a concelleira de Urbanismo, Flavia Besada; a edil de Educación, Paz Lago, e a varios técnicos municipais do departamento de Urbanismo.

A presentación destes tres proxectos forma parte dun traballo deste trimestre e que ten que ver co proceso de emprendemento. O alumnado da materia Formación de Orientación Laboral débese enfrontar ao caso práctico de formación dunha empresa e toda a tramitación, así como os gastos que iso leva. Durante a sesión desta mañá, os alumnos realizaron a exposición das súas ideas a través de tres maquetas realizadas por eles mesmos e explicaron os emprazamentos elixidos.

No caso de Spot Waves, os seus promotores cren que a mellor localización sería unha parcela do parque empresarial de Nantes e empregaríanse sistemas de enerxía alternativa para o movemento de auga nun circuíto pechado. Unha proposta novedoda que está a funcionar en cidades como Madrid e que permiten a práctica de surf os 365 días ao ano.

Dorrón ou Noalla son as dúas alternativas que se expoñen para situar un campamento en plena natureza, pensada para mozas que queiran ou necesiten desconectar da tecnoloxía. O Campamento Danma inspírase nun proxecto similar que xa existe en Asturias onde os participantes cultivan produtos e conviven con animais. Unha experiencia diferente afastada de móbiles e centrada na natureza.

O terceiro proxecto, Catffe, é unha cafetaría na que os gatos rescatados da rúa terán o seu propio espazo. Os amantes dos felinos terán nesta cafetaría a opción de tomar algo e gozar da súa compañía. Os seus promotores realizaron enquisas en Instagram para coñecer a resposta do público e foron moi positivas.

0
0
0
s2sdefault