A actuación céntrase no Con da Romaíña, Con da Ventureira, Chan da Gorita e A Lanzada. O custo ascende a case 7.500 euros
O Concello de Sanxenxo iniciou esta semana a sinalización de catro pezas craves do seu patrimonio cultural e natural situados en distintos espazos do municipio. Trátase do Con da Romaíña, Con da Ventureira, Chan da Gorita e A Lanzada. O obxectivo é dar a coñecer e pór en valor o patrimonio a través de paneis interpretativos coa descrición do ben e cun código QR cun vídeo explicativo das lendas e ritos asociados. Os paneis interpretativos son de materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo e, ao mesmo tempo, están harmonizados coa contorna. A actuación ten un custo de case 7.500 euros e será sufragada cunha subvención da Deputación de Pontevedra.
Coa sinalización destes bens patrimoniais dótase ao municipio dunha nova ferramenta de promoción turística, increméntase a oferta cultural con itinerarios alternativos e divúlgase o patrimonio.