Concello de Sanxenxo - OLLARES DE PORTONOVO REALIZARÁ UNHA MACROEXPOSICIÓN AO AIRE LIBRE CON MÁIS DE 2.000 FOTOGRAFÍAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A mostra será no parque do Espiñeiro os días 5 e 6 de xuño e na Praza Pascual Veiga en Sanxenxo, o 12

A Asociación Ollares de Portonovo realizará unha macro exposición ao aire libre con máis de 2.000 fotografías do municipio. A mostra contará con dous escenarios, o parque do Espiñeiro, os días 5 e 6 de xuño, e a Praza de Pascual Veiga, o día 12. O colectivo leva anos recompilando imaxes antigas da historia de Sanxenxo, moitas delas doadas por veciños, conformando un auténtico arquivo histórico, que agora poderá ver a luz coa exposición Ollares na Rúa. Nos paneis poderán verse fotos familiares, de paisaxe, de traballadores do mar, de equipos de fútbol locais, de piragüismo, do exército... Ademais, cada ano a Asociación Ollares recolle fotografías durante a mostra que escanean, no momento, para poder devolvelas ao propietario e engádenas á seguinte exposición.

Ademais, por segundo ano consecutivo, o día 12 de xuño homenaxearase a un fotógrafo histórico do municipio que segundo destacan desde o colectivo son "en gran parte os artífices de que hoxe podamos gozar destas imaxes". Nesta ocasión, a insignia de ouro en forma de cámara entregarase a título póstumo a Olimpio Piñeiro. O alcalde, Telmo Martín, fará entrega do premio aos seus familiares.

A cita de Ollares na Rúa crece ano tras ano con máis visitas e tamén en duración cunha programación máis ampla que inclúe sorteos, agasallos, música e animación de Studio 21, photocall temático e moitas sorpresas. Non faltará a festa Holi que o ano pasado foi un éxito e este ano promete volver selo. Será o martes 6 de xuño, a partir das 19:30 horas no Espiñeiro. Servirá como colofón á mostra en Portonovo e consiste en lanzarse pos de cores que están feitos con millo sen glute polo que son inocuos para a saúde.

Outras asociacións tanto de Portonovo como de Sanxenxo contarán tamén cun espazo na zona da exposición para dar a coñecer o seu traballo. O obxectivo é seguir crecendo e continuar levando Ollares na Rúa a outras parroquias.

0
0
0
s2sdefault