Concello de Sanxenxo - SANXENXO AUTORIZARÁ AS FOGUEIRAS NAS PRAIAS DE PANADEIRA, SILGAR E CANELIÑAS EN SAN XOÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os interesados poderán tramitar este ano de forma excepcional o permiso das fogueiras na oficina de Medio Ambiente en Vilalonga

O Concello de Sanxenxo permitirá, previa solicitude de autorización, a realización de fogueiras en tres praias durante a noite de San Xoán. Os areais nos que se poderá realizar a festa son Panadeira, Silgar e Caneliñas. En consecuencia, non se poderán acender fogueiras en ningún outro areal do municipio. Os particulares que desexen realizar fogueiras nas súas leiras particulares ou prazas públicas tamén deberán solicitar permiso.

O prazo para a solicitude de autorización e identificación das persoas que se farán responsables de cada unha das fogueiras autorizadas abrirase este luns 5 de xuño e prolongarase ata o 21 de xuño, de 9:30 ás 14:30 horas. Ademais de no rexistro municipal, vía electrónica ou presencial, os interesados poderán tramitar a comunicación previa tanto para as fogueiras de San Xoán como para San Pedro, de forma excepcional, nas oficinas de Medio Ambiente en Vilalonga. Unha vez realizado o trámite, o responsable deberá asinar a normativa que deberá cumprir.

A Concellaría de Medio Ambiente realizará unha listaxe cos participantes e os lugares das fogueiras para entregar á Policía Local e Emerxencias de Sanxenxo. Ambos os departamentos municipais coordinarán o dispositivo de vixilancia e control durante as noites do 23 ao 24 de xuño.

Ademais, o Concello porá en marcha un operativo especial da Policía Local, os servizos de emerxencia e o servizo de limpeza.  O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para a noite do día 23, desde as 22 horas ás 6 horas do 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21 horas. Ás seis da mañá evacuaranse as praias para proceder á súa limpeza garantido que estarán en perfectas condicións á primeira hora da mañá.

Por motivos de seguridade, non estará permitido o uso de tendas de campaña nin tampouco de faroliños tailandeses. Outras medidas preventivas son a colocación de valos para delimitar os espazos autorizados e bidóns para a recollida de cinza. Entre os requisitos esixidos para poder realizar as fogueiras nos devanditos areais atópase a queima unicamente de leña limpa e en ningún caso de materiais plásticos, madeiras pintadas ou con cravos. Tampouco se poderán levar á praia botellas ou vasos de vidro, nin reproducir música cun volume que poida molestar a zonas de vivendas.

0
0
0
s2sdefault