Concello de Sanxenxo - O PLAN DE ASFALTADOS AVANZA A BO RITMO POLAS PARROQUIAS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos arrincaron en Infantaría da Mariña en Baltar e A Florida a finais da semana pasada

O plan de asfaltados avanza a bo ritmo polas parroquias do municipio. Os traballos deron comezo a finais da semana pasada en Infantaría da Mariña en Baltar e na contorna da Florida. Ao longo desta semana as tarefas centráronse nos viarios de O Cruceiro- Campo de San Pedro (Vilalonga), O Carballo-Peai (Vilalonga), A Bouza-A Lomba (Vilalonga), Carballal (Vilalonga), Os Cotos-Paradela (Padriñán) e A Costa-A Granxa (Padriñán). Aos asfaltados seguirán os pintados coa sinalización horizontal. Nos próximos días continuarase en Nantes co asfaltado do Santo-Xunqueiriña- parque empresarial, Reis-Cachadelos (Padriñán) e A Laxe-Punto Limpo (Padriñán).

O total de actuacións abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros e inclúen tamén a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados na zona. Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria destas estradas ao actuar no seu firme, nalgúns casos notablemente deteriorado, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios. En liñas xerais, as obras consisten en aplicar unha capa de rodaxe e unha regulación do firme nos tramos necesarios.

En función das características de cada viario, séguense unha serie de pautas de asfaltado e pavimentación para mellorar a capacidade portante do firme. Así, nun total de 10 pistas contempladas no proxecto realízase un ensanche previo: Telleiro-Talleres Arbón, Salgueira Arnosa, A Bouza-A Lomba, Carballal, O Santo-Xunqueiriña-Polígono, Paxariñas- Barreira, Canelas, Reis-Cachadelos, Os Cotos-Paradela e A Costa- A Granxa. Outros tres tramos necesitan que se lles aplique un tratamento especial no firme, como son as bandas transversais para a redución de velocidade no viario Telleiro-Hotel A Lanzada e dúas sendas peonís, unha entre Telleiro- Talleres Arbón e outra entre Salgueira e Arnosa.

0
0
0
s2sdefault