Concello de Sanxenxo - CONCELLO E XUNTA ASINARÁN UN CONVENIO PARA MELLORAR O PATIO EXTERIOR DO CENTRO DE DÍA DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde, Telmo Martín, asistiron onte á xornada de portas abertas do centro

Concello de Sanxenxo e Xunta de Galicia asinaron onte un convenio para mellorar o patio exterior do Centro de Día municipal de Sanxenxo "Virxe do Carme". O obxectivo de ambas as administracións é dotar o espazo de zonas de sombra e de aparellos biosaudables que permitan aos usuarios e usuarias realizar exercicio físico. Así o acordaron o alcalde, Telmo Martín, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, durante a súa visita ao Centro de Día coincidindo coa xornada de portas abertas das instalacións. Estiveron acompañados do director Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antonio Acevedo.

O alcalde, Telmo Martín, lembrou que o Centro de Día municipal de Sanxenxo está a piques de cumprir xa 20 anos e presta atención nestes momentos 62 familias. "O centro atópase nun moi bo estado e presta un amplo abano de servizos e coidados dos nosos maiores", dixo Martín que tamén agradeceu "a implicación da Xunta de Galicia para que as familias paguen menos". Pola súa banda, a conselleira asegurou que Sanxenxo "xa é unha referencia no coidado das familias tanto de nenos como de persoas maiores". García lembrou que aínda está aberta a liña de axudas do programa "Respiro familiar" dotado con 800.000 euros. "Queremos coidar ás persoas maiores, pero tamén coidar a quen coida", explicou.

Á xornada de portas abertas asistiron un total de 25 familias que percorreron as instalacións acompañados da directora do centro, María Insua. O Centro de Día aínda ten prazas libres xa que a súa capacidade é para 80 persoas. Nestes momentos, 60 dos usuarios son de Sanxenxo e 2 do Grove. A media de achega por usuario é do 33%, é dicir, de 178 euros ao mes, transporte incluído. A xornada completa é de 9 a 19:30 horas, excepto sábados, domingos e festivos. Os servizos que ofrece o Centro de Día son: Terapia ocupacional, educación social, fisioterapia, animación sociocultural, enfermaría, comedor e transporte.

O persoal está formada por 18 traballadores que dan cobertura a todos os servizos. O Centro de Día dispón de dous vehículos, uno propiedade do Concello e outro da empresa concesionaria do servizo, Samaín. Actualmente 46 usuarios fan uso deste servizo.

0
0
0
s2sdefault