Concello de Sanxenxo - A XUNTA RECIBE 11 OFERTAS PARA EXECUTAR A SENDA PEONIL NA CONTORNA DO ENLACE DA AUTOVÍA DO SALNÉS COA PO-504 ENTRE O VINQUIÑO E CONTUMIL, NO CONCELLO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

  • Trátase de habilitar un itinerario de 380 metros para unir ambas as marxes da autovía e resolver a barreira que supón para a mobilidade a alta densidade de tráfico que rexistra a zona
  • A previsión é adxudicar as obras no verán co obxectivo de inicialas no outono e rematalas entre finais deste ano ou principios de 2024
  • Os actos expropiatorios están xa convocados, fixándose o levantamento de actas previas para o vindeiro día 20 de xuño e a formalización das actas de ocupación o 19 de setembro
  • A intervención incluirá a dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos e a colocación de xardineiras no treito paralelo á PO-504

A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para executar as obras da senda peonil na contorna do enlace da autovía do Salnés coa PO-504, entre O Vinquiño e Contumil, no concello de Sanxenxo.

Con esta actuación, que suporá un investimento total de 180.000 euros, búscase resolver unha barreira de mobilidade e permitir un itinerario máis seguro e accesible nesa zona do municipio pontevedrés.

En concreto, os traballos obxecto deste contrato consistirán na construción dun itinerario peonil de 382 metros de lonxitude, para unir ambas as marxes da autovía AG-41 e resolver a barreira que supón para a mobilidade peonil pola alta densidade de tráfico que rexistra este enlace coa estrada autonómica.

A previsión é adxudicar as obras no verán co obxectivo de inicialas no outono, tendo en conta que os actos para o levantamento de actas previas á ocupación dos predios precisos para esta obra están convocados para o vindeiro día 20 de xuño, das 10,00 ás 11,00 horas no salón de plenos do Concello. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 19 de setembro, á mesma hora e no mesmo lugar.

O obxectivo da Xunta é ter rematadas a finais deste ano ou principios de 2024 as obras, tendo en conta que o prazo de execución é de 2 meses.

Máis concretamente, habilitarase un novo itinerario peonil que, nun primeiro treito, partirá das beirarrúas existentes na marxe dereita da estrada PO-504 -ao seu inicio no lugar de Vinquiño- para chegar ata o paso inferior da autovía; e, nun segundo treito, continuar desde alí e facendo unha “L”, ata a glorieta inferior do enlace da autovía, comunicando a dita senda coa zona comercial e a estación de servizo. 

No primeiro treito, adaptaranse as beirarrúas existentes e os terreos para obter unha beiravía mínima de 0,7 metros. E no segundo treito, unha vez pasado o paso inferior, a senda discorrerá paralela aos muros e ao pé do noiro da propia autovía para rematar na glorieta inferior do enlace que dá acceso a Sanxenxo.

A sección mínima da senda terá un ancho medio de 2,5 metros e contará con pavimento de formigón e bordo de separación coa calzada.

A actuación complementarase coa dotación de iluminación pública, canalizacións para as redes de telecomunicacións e distribución de enerxía eléctrica, así como a reposición de servizos afectados e a dotación de diferentes xardineiras no treito paralelo á PO-504.

Con esta alternativa, evítase o paso polo enlace da glorieta inferior de acceso a Sanxenxo, conseguindo así unha maior seguridade viaria para os peóns e garantindo unha solución técnica e viable a un problema de mobilidade peonil e de comunicación xa existente neste punto de acceso á vila onde, ademais, se atopa un importante núcleo de establecementos comerciais. A nova senda posibilitará, polo tanto, un itinerario accesible polo cal os peóns poderán circular en condicións de máxima seguridade.

 

Gabinete de Comunicación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

0
0
0
s2sdefault