Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DA PRIMEIRA FASE DA BATEA EN TERRA CÉNTRANSE NA CIMENTACIÓN E ALZADO DOS MUROS DE CONTENCIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As especies vexetais elixidas para o xardín só necesitarán rega o primeiro ano e medio tras a súa plantación

As obras da primeira fase de Batea en Terra avanzan segundo os prazos e non se prevé superar os cinco meses de execución dos traballos. A obra céntrase agora, tras as instalacións subterráneas, na cimentación e alzado dos muros de contención. En aproximadamente quince días comezará a pavimentación do espazo con laxas de granito que se empregarán para cubrir a superficie e tamén para os bancos. A cor da pedra foi elixido tras a proba de máis de 10 mostras diferentes.

O elemento central desta primeira fase será a creación dun noiro axardinado que substituirá as anteriores bancadas-escaleiras que comunicará a Praza dos Barcos e a Praza do Mar. O deseño da plantación inspírase en paisaxes de costa que salpican o litoral e se intercalan entre as zonas urbanas e os areais das Rías Baixas. Optouse por introducir especies autóctonas propias da comunidade pola súa resistencia aos ventos, a salinidade e o seu baixo consumo de auga. Precisamente, con este obxectivo serán retiradas as seis palmeiras que se sitúan na Praza dos Barcos. Tras consultalo con especialistas en arboricultura, serán trasplantadas á zona verde situada enfronte do Pazo de Emilia Pardo Bazán e será esta firma especializada a que se encargue de facelo nos próximos días.

Un dos piares base no desenvolvemento da infraestrutura verde é o uso, a selección e a xestión sustentable da vexetación na planificación urbana. Neste caso seleccionáronse plantas autóctonas ou adaptadas a condicións adversas (baixas necesidades hídricas, resistencia á salinidade) o que leva unha diminución nos custos de mantemento do espazo en base á redución de aportes hídricos, podas e os tratamentos fitosanitarios. De feito, só necesitarán rega o primeiro ano e medio desde a súa plantación.

O obxectivo é a creación dun auténtico pulmón verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas. As especies serán autóctonas, de diferente porte e con distintos estados de floración que permitan ter unha variación cromática ao longo do ano.
En canto ao xardín que xerará unha continuidade topográfica como un elemento charnela entre a Praza dos Barcos, o Paseo de Silgar, o Paseo dos barcos, o dique e os portos pesqueiro e deportivo. Mantense un acceso rodado ao porto pesqueiro polo exterior da praza, con carácter restrinxido. O aparcadoiro mantén as prazas actuais. Mantéñense todos os locais comerciais en concesión, sen intervención ningunha, axustando para iso a pendente do xardín.

A intervención desta fase contempla tamén a rehabilitación e mellora do pavimento na Praza dos Barcos e a súa integración dentro do proxecto, a redistribución do mobiliario urbano existente e a simplificación e unificación de todos os elementos de señalética.

0
0
0
s2sdefault