Concello de Sanxenxo - O MINISTERIO DE TURISMO ELIXE SANXENXO PARA CELEBRAR UNHA XORNADA SOBRE ECONOMÍA CIRCULAR E TURISMO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade terá lugar o vindeiro xoves, 15 de xuño, nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Sociedade Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas (Segittur) elixiu Sanxenxo para celebrar unha xornada sobre economía circular e turismo que terá lugar o 15 de xuño nas instalacións do Real Club Náutico de Sanxenxo.

A xornada que será inaugurada polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, está organizada por Segittur e Turium e ten como obxectivo concienciar ao sector turístico da importancia de impulsar a economía circular co fin de conseguir un turismo máis sustentable, así como coñecer experiencias de destinos que xa traballan con iso.

Pola súa banda, o presidente de Segittur, Enrique Martínez, presentará os manuais de Economía Circular para destinos e empresas, así como a guía de boas prácticas. A Guía Práctica para a Aplicación da Economía Circular no sector turístico en España fai un repaso pola importancia que adquiriu a economía circular para a economía en xeral, e para o sector turístico, en particular, onde se menciona entre os seus beneficios para o sector o aforro de custos para as empresas, ao que se suma o beneficio reputacional e o benestar social.

A guía establece que as principais pancas para o despregamento da economía circular no sector turístico de España son a Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable, o acordo de París sobre o cambio climático, o Pacto Verde Europeo, o Plan de Acción de Economía Circular da UE 2020 ou o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, entre outras.

O informe destaca a capacidade do sector turístico en España para desencadear e estimular o cambio dun modelo económico non só nos subsectores que o compoñen, senón no resto dos sectores da economía, xa que pode actuar como motor de arrastre e rexeneración.

Entre as medidas de circularidade que o informe propón para o turismo inclúense as seguintes: Reducir o uso de enerxía e recursos non renovables, autoproducción de enerxía de fontes renovables, elección de produtos de consumo reciclados, subministración de produtos locais e de tempada ou minimizar a xeración de residuos nas instalacións turísticas.

Tamén inclúe a posta en marcha de accións de cero residuos plásticos, a xestión optimizada da auga e a realización de proxectos de edificación ou restauración que permitan a reutilización e reciclaxe de materiais.

Pola súa banda, representantes de Xixón e Mallorca contarán como están a impulsar a economía circular nos seus destinos e nas empresas turísticas desas localidades.

0
0
0
s2sdefault