Concello de Sanxenxo - O CONCELLO XA CONTA CO PROXECTO DA REFORMA INTEGRAL DO PAVILLÓN DE VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O orzamento de licitación ascende a 249.101 euros e o prazo de execución é de 6 meses

O Concello de Sanxenxo xa dispón do proxecto co que se executará a reforma integral do pavillón de Vilalonga. Unha actuación que se acometerá a través dun convenio coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que se asinará proximamente. Este pavillón está a ser utilizado polo IES de Vilalonga para realizar as clases de Educación Física e tamén polo Club Sanxenxo de Balonmán para os seus adestramentos, así como polo club de fútbol sala Asociación Xuvenil Saraiba do Mar mentres estea en obras o pavillón de Baltar.

O proxecto contempla un saneamento do muro exterior para evitar as filtracións de auga ao interior das instalacións, así como a impermeabilización dos voladizos e da cuberta. Tamén se inclúe a reparación dos falsos teitos nos baños do ximnasio e habilitarase un vestiario para árbitros.

A actuación inclúe, ademais, o pintado da totalidade das estruturas metálicas como cerchas, varandas e soportes ante a aparición de mostras evidentes de oxidación. Ademais, substituiranse a totalidade das portas de vestiarios e acceso a baños de vestiario por portas de aluminio cunha maior resistencia ao desgaste e á humidade que as actuais.

En determinadas zonas da instalación deportiva desprendéronse os revestimentos verticais principalmente de gresite na planta alta. Substituiranse polo mesmo material xa que se trata dun material actualmente en uso. Ante a deterioración evidente do revestimento vertical da zona de xogo, núcleo de escaleiras e ximnasio realizarase o pintado, previo decapado da pintura desconchada e en mal estado. Tamén se cambiará pavimento deportivo en mal estado e substituirase por un novo pavimento de PVC de 6,7mm de espesor. Á súa vez inclúese este pavimento no núcleo de escaleiras e o ximnasio, situado baixo a bancada.

Na actualidade, o ximnasio carece dunha ventilación adecuada para o correcto uso do mesmo. Para atallar o problema proxéctase a instalación dun sistema de ventilación forzada que asegure unha renovación do aire óptima.

Para mellorar a seguridade na bancada cambiarase a disposición das pezas horizontais a verticais e adecuaranse os banzos de acceso

En canto á iluminación, limparase o lucernario central, principal receptor e distribuidor de luz cenital límpase e repasaranse os selados para conseguir recibir a súa función no seu estado óptimo de traslucidez. Actualmente, a tipoloxía de luminaria e a súa distribución non permiten lograr unha calidade lumínica adecuada na zona de vestiarios. Para corrixir esta situación substituiranse as actuais luminarias por pantallas LED. Actúase do mesmo xeito nas luminarias exteriores, substituíndo as actuais por luminariasLED e reforzando algunhas zonas con novas lámpadas.

Co obxectivo de embelecer o exterior e o acceso plantaranse especies vexetais nas zonas destinadas a tal fin e un letreiro indicativo da instalación deportiva

0
0
0
s2sdefault