Concello de Sanxenxo - TELMO MARTÍN ASUME O BASTÓN DE MANDO, POR QUINTA VEZ, PARA CONVERTER SANXENXO "NUN LUGAR AÍNDA MELLOR PARA VIVIR"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Un salón de plenos abarrotado arroupou a constitución da nova Corporación municipal

Visiblemente emocionado, Telmo Martín González asumiu este mediodía por quinta vez o bastón de mando da Alcaldía de Sanxenxo nun salón de plenos abarrotado onde tomou posesión a nova Corporación Municipal. Primeiro constituíuse a mesa, co concelleiro de maior idade, o socialista Fernando Otero, e coa máis nova, a nacionalista Tamara Castro. Logo, os concelleiros electos xuraron e prometeron os seus cargos para, a continuación, proceder á votación a man alzada do novo alcalde. Telmo Martín con dez votos do seu grupo resultou elixido novo rexedor de Sanxenxo entre os aplausos do público. A nova Corporación está formada na bancada do Partido Popular por Telmo Martín, Paula Martínez, Yago Torres, Natividad Parada, María Deza, Juan Deza, Paz Lago, Marcos Guisasola, María Elena Torres e Xoán Manuel Pérez; no BNG por Francisco Leiro, Tamara Castro e Octavio González e no PSOE, Ladislao Viñas, Antonio Cacabelos, Fernando Otero e Ramón Sartages. Martín dedicou gran parte da intervención á súa familia, pero tamén ao futuro de Sanxenxo e ao seu equipo de goberno. Nun discurso que comezou en galego para logo pasarse ao castelán en honra ao seu pai, orixinario de Ávila, o alcalde lembrou á súa filla e ao seu xenro que, por motivos laborais, atópanse en Australia. "A miña vocación de servizo aos demais é sempre a que me motivou na miña xestión política. Quero corresponder co que antes recibín da sociedade. En primeiro lugar, as oportunidades que me deu a miña familia en tempos tan difíciles como eran os anos nos que nacín e, dúas décadas despois, o meu país nos primeiros anos da democracia", sinalou.

Durante a súa intervención destacou á súa esposa Loli que se atopaba entre o público. "Estou seguro de que, se non estivese casado cunha lilaina, non fose alcalde nas municipais de 1999. Todo o bo que fixen como alcalde non sería posible sen a túa xenerosidade e o teu apoio incondicional". Tamén tivo palabras para a súa nai que, por primeira vez, acudiu a un dos seus actos de investidura como alcalde. "Mamá, de ti aprendino todo, es un referente para min de humildade, esforzo, xenerosidade e capacidade de traballo. As dificultades daqueles anos fixéronvos ás mulleres da túa xeración fortes e valentes".


Martín mostrouse convencido de que "os 17 concelleiros desta Corporación imos facer todo o posible para que Sanxenxo siga progresando durante os próximos 4 anos. Sen dúbida, teremos diferenzas e mesmo duros debates entre a oposición e o goberno. Pero todos compartimos un único obxectivo, que é mellorar a vida dos nosos veciños".

En canto aos seus compañeiros de goberno, agradeceulles o seu apoio e dedicación.
"Pídolles compromiso e que o interese xeral sexa sempre o motor da súa xestión política. Nos próximos anos vánsenos a presentar oportunidades e retos. Debemos ser capaces de aproveitalos para converter a Sanxenxo nun lugar aínda mellor para vivir", concluíu.

0
0
0
s2sdefault