Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITA POR 1,8 MILLÓNS DE EUROS A REHABILITACIÓN DO AUDITORIO DE EMILIA PARDO BAZÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prego da actuación propón un prazo de execución de 6 meses 
 
O Concello licitou a rehabilitación do Auditorio de Emilia Pardo Bazán por 1.791.952 euros e un prazo de execución da obra de 6 meses. O prazo de presentación das ofertas conclúe o 16 de agosto. A obra contará cunha subvención de 1.479.000 euros procedente do programa de axudas para rehabilitación de patrimonio público que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
 
O auditorio foi construído en 2002 e, nestes momentos, presenta importantes deficiencias enerxéticas tanto lumínicas como térmicas e limitacións de accesibilidade que deberán ser liquidadas. No novo proxecto contémplase melloras de iluminación, remodelación do patio de butacas, renovación da climatización do espazo, a substitución completa da cuberta, así como melloras tecnolóxicas que axuden a convertelo nun edificio eficiente. O Pazo de Emilia Pardo Bazán é o equipamento público con máis departamentos relacionados coa cultura e educación do municipio. O edificio alberga a Biblioteca, a Escola de Música Municipal, a Banda de Música Municipal, o Centro de Arte, a área de Animación Sociocultural, Educación de Adultos e o departamento de Orientación Laboral. Ademais do salón de actos, o edificio conta con 4 salas polivalentes para o desenvolvemento de distintas actividades e un local de ensaio para a Asociación Cultural Abiñadoira.
 
O obxectivo da reforma é conservar a esencia do edificio cunha revisión en profundidade da cara exterior da fachada, así como a das terrazas e os patios exteriores e o seu mantemento. No proxecto prevese a instalación de elementos de illamento acústico nas zonas da biblioteca, as salas de ensaio e a sala de música, cunha ampliación da funcionalidade destes e outros espazos. Ademais, exponse unha mellora de accesibilidade desde o centro urbano con estacións de recarga de coche eléctrico e aparcamentos para bicicletas e patinetes. En definitiva, a reforma supoñerá a mellora da envolvente térmica do edificio, a optimización dos sistemas de climatización, un aforro enerxético en luminarias, o consumo de auga e a aposta pola mobilidade alternativa, medidas de illamento acústico, solucións de accesibilidade sensorial e cognitiva no auditorio e a integración coa contorna.
0
0
0
s2sdefault