Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ULTIMA O PREGO PARA LICITAR O CENTRO DA CULTURA GASTRONÓMICA RÍAS BAIXAS NO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo ultima o prego para licitar o Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas no Pazo de Quintáns. O proxecto definitivo valorado en 1,2 millóns de euros converterá o espazo nun equipamento único e singular en Galicia. En definitiva, un lugar de interese para visitantes e turistas coa implicación da poboación local, a través da gastronomía local, a hostalería e os sectores produtivos do mar e a terra. Paisaxes e territorios, patrimonio, produtores, transformadores, distribuidores, cociñeiros e hostaleiros, unha cadea que participa na oferta gastronómica e que pode articularse nun importante sistema ou rede sobre a cultura gastronómica, co fin de poñer en valor un patrimonio vivo, especialmente interesante como oferta turística de calidade, estreitamente vinculado a Sanxenxo.
 
 
O Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas concíbese como un espazo aberto e de carácter multifuncional, que organiza actividades multidisciplinares. Un espazo de posta en valor, de difusión e de transmisión do coñecemento, pero tamén un polo de atracción cultural que programa e que aglutina iniciativas destinadas á dinamización, a promoción e o desenvolvemento do sector agroalimentario e culinario. Un gran escaparate que mostre e difunda a diversidade de produtos e a cultura culinaria e o patrimonio asociado, con espazos expositivos, de descubrimento e de degustación.
O centro articularase en base a nove ámbitos ou servizos:
1. Un espazo exterior. Na entrada identificaranse os distintos ámbitos do Centro da Cultura Gastronómica.
2. Bar-Restaurante-Tenda. Un espazo de goce gastronómico e para degustar e comprar produtos gastronómicos locais de calidade. Para iso, ademais do mobiliario existente de hostalería, incorporaranse elementos museográficos que axudarán ao visitante para coñecer e degustar os produtos estrela de Rías Baixas: os viños, o marisco, o peixe, os queixos e os produtos da horta do Salnés.
3. Espazo de recepción. Instalarase un monitor programado para o pase de imaxes suxestivas, así como informacións prácticas para o visitante ou usuario e a axenda de actividades programadas no centro.
4. Aula de presentación de produtos. Este espazo dispoñerá do equipamento necesario para converterse nun espazo de presentación de produtos ou de celebración de actividades como conferencias, seminarios ou cursos de formación.
5. Produtos de tempada. Este espazo dedicarase a mostrar o ciclo biolóxico dos alimentos, a súa importancia na gastronomía tradicional e a necesidade de recuperar este hábito para a sustentabilidade do sistema alimentario e o aforro enerxético.
6. A dieta atlántica: gastronomía e saúde. Nesta sala difundirase o concepto de dieta atlántica, caracterizada polo protagonismo de peixes, mariscos, froitas e hortalizas, pero tamén lácteos, aceite de oliva e consumo moderado de carne.
7. Paisaxes con cheiro e sabor. Na planta primeira e no espazo máis amplo do pazo situarase unha das temáticas nucleares do centro, fundamentada en relacionar as paisaxes de Rías Baixas, a explotación agropecuaria e pesqueira coa alimentación e a gastronomía. Desta forma os contidos distribuiranse en cinco apartados: Mar, costa e rías, así cultivos e viñedos e bosques e ríos.
8. A alquimia dos fogóns: da“lareira” á indución. Esta temática situarase na zona onde existe a “lareira” do propio pazo e dedicarase a mostrar a evolución tecnolóxica, culinaria, cultural e social que se produciu ao redor da acción de cociñar/cocer os alimentos.
9. Aula de gastronomía / Entre tradición e innovación. Este espazo terá certa versatilidade, pois será un espazo museográfico máis, pero á vez utilizarase como aula de gastronomía preparada para realizar demostracións de cociña, catas de produtos ou cursos de cociña.
 
0
0
0
s2sdefault