Concello de Sanxenxo - SANXENXO CELEBRARÁ AS SÚAS FESTAS PATRONAIS CON MÚSICA, BAILE E A TRADICIONAL SARDIÑADA NO PORTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio prepárase para 13 días de actividade, do 24 de agosto ao 5 de setembro, en honra a San Xenxo, Santa Rosalía e a Virxe do Carme

Sanxenxo celebrará as súas festas patronais con música, baile e a tradicional sardiñada na Praza dos Barcos. A Concellaría de Cultura e Eventos, dirixida por Elena Torres, ten xa lista unha programación en honra a San Xenxo, Santa Rosalía e a Virxe do Carme que dará comezo o 24 de agosto e prolongarase ata o 5 de setembro.

A actividade dará comezo con música na rúa o xoves 24 de agosto co Colectivo Máis Cantos e Nelson Quinteiro na Praza Pascual Veiga desde as 12 horas. Pola noite, ás 22 horas, Quinkillada ofrecerá un concerto na Praza dous Barcos

O venres 25 coincidindo co Día do Turista, a celebración dará comezo pola mañá, a partir das 10 horas, con alboradas a cargo de Abiñadoira e a Banda de Música de Sanxenxo. A partir das 11 horas, no atrio da igrexa pequena, celebrarase a Feira de Produtos Artesáns. A partir das 12, a tradicional sardiñada na Praza dos Barcos. Veciños e visitantes poderán degustar de forma gratuíta máis de 3.000 racións de peixe azul. Ás 13 horas, a Praza de Pascual Veiga acollerá un concerto da Banda de Música de Sanxenxo. Ás 19 horas, misa e procesión en honra a San Xenxo e ás 22:30 horas, verbena a cargo do Grupo Atenas e La Banda de Ayer na Praza do Mar.

O sábado 26 de agosto, a Praza dos Barcos acollerá o concerto de Gustavo Almeida a partir das 22 horas. O domingo 27 de agosto, ás 12 horas celebrarase a XXII Milla Vila de Sanxenxo no Paseo de Silgar. O 28, 29 e 30 de agosto celebraranse as Xornadas de Sanxenxo na Historia no Auditorio de Emilia Pardo Bazán. O xoves 31, o grupo Claxxon ofrecerá un concerto na Praza do Mar a partir das 22 horas.

O venres, 1 de setembro, comeza a homenaxe á cebola cunha xornada na que música e a gastronomía mesturaranse con Visioso Valente e o Obradoiro de Hostalería da Mancomunidade do Salnés, a partir das 12 horas, na Praza Pascual Veiga. Ás 20 horas, o enxeñeiro Fernando Abilleira ofrecerá un relatorio ás 20 horas na Casa Consistorial, "De Sanxenxo al Planeta Rojo". O sábado, 2 de setembro, a xornada dedicarase aos nenos. A praia de Silgar acollerá os tradicionais xogos populares, a partir das 12 horas, e ás 19 horas, o Concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona na Praza dos Barcos. Os Concertos da Cebola levarán a tres puntos de Sanxenxo a música de Doble M, 21:30, Paseo de Silgar; Lorre, 23:30, Rosa dos Ventos, e Kaleikia, 23:30 no Paseo dos Barcos.

O domingo, 3 de setembro, a partir das 20:30, a Praza de Pascual Veiga celebrarán a Banda Bailada, festa aquelada coa Banda de Música de Sanxenxo e a Asociación Cultural de Abiñadoira. A partir das 22 horas, procesión nocturna para recoller a imaxe de Santa Rosalía.

O luns, 4 de setembro, día de Santa Rosalía, a actividade dará comezo con alboradas pola mañá. A partir das 10 horas, procederase á apertura dos postos da XLI Feira da Cebola. Ás 12 horas, terá lugar o acto de entrega de premios e das Cebolas de Ouro. A partir das 13:30 horas, o Concerto da Banda de Música de Sanxenxo na Praza de Pascual Veiga. Ás 19 horas misa e procesión con fogos en honra a Santa Rosalía. A partir das 22 horas, procesión nocturna para recoller a imaxe da Virxe do Carme, e pola noite, a partir das 22:30, verbena coa Oca Banda e New York. Ás doce da noite, terá lugar o espectáculo pirotécnico.

O programa pecharase, o martes, 5 de setembro, en honra á Virxe da Carme. A actividade dará comezo con alboradas. A misa e a procesión marítima terá lugar ás 19 horas e, ás 21:30 horas, haberá un Concerto da Banda de Música de Sanxenxo. A verbena correrá a cargo de Olympus e Marbella a partir das 22:30 horas.

Doutra banda, o deseño gráfico do programa foi realizado un ano máis pola directora do Centro de Arte, María Vázquez. Nesta ocasión elixiu tons rosas e azuis con siluetas de persoas que convidan á festa e ao goce: Gaiteiros, banda de música e xente bailando...

 

[PDF] SANXENXO EN FESTAS 2023

0
0
0
s2sdefault