Concello de Sanxenxo - SANXENXO SACA A LICITACIÓN A REFORMA DO PAVILLÓN DE VILALONGA POR MÁIS DE 249.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo para presentar ofertas conclúe o próximo 5 de setembro
 
O Concello de Sanxenxo saca a licitación a reforma do pavillón de Vilalonga por máis de 249.000 euros e un período de execución de seis meses. O prazo para presentar ofertas conclúe o próximo 5 de setembro. A actuación acometerase a través dun convenio asinado coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Este pavillón está a ser utilizado polo IES de Vilalonga para realizar as clases de Educación Física e tamén polo Club Sanxenxo de Balonmán para os seus adestramentos, así como polo club de fútbol sala Asociación Xuvenil Saraiba do Mar mentres estea en obras o pavillón de Baltar. O proxecto contempla un saneamento do muro exterior para evitar as filtracións de auga ao interior das instalacións, así como a impermeabilización dos voladizos e da cuberta. Tamén se inclúe a reparación dos falsos teitos nos baños do ximnasio e habilitarase un vestiario para árbitros. A actuación inclúe, ademais, o pintado da totalidade das estruturas metálicas como cerchas, varandas e soportes ante a aparición de mostras evidentes de oxidación. Ademais, substituiranse a totalidade das portas de vestiarios e acceso a baños de vestiario por portas de aluminio cunha maior resistencia ao desgaste e á humidade que as actuais.
En determinadas zonas da instalación deportiva desprendéronse os revestimentos verticais principalmente de gresite na planta alta. Substituiranse polo mesmo material xa que se trata dun material actualmente en uso. Na zona de xogo, o núcleo de escaleiras e o ximnasio realizarase o pintado, previo decapado da pintura desconchada e en mal estado. Tamén se cambiará pavimento deportivo en mal estado e substituirase por un novo pavimento de PVC de 6,7 mm de espesor. Á súa vez inclúese este pavimento no núcleo de escaleiras e o ximnasio, situado baixo a bancada. Na actualidade, o ximnasio carece dunha ventilación adecuada para o correcto uso. Para atallar o problema proxéctase a instalación dun sistema de ventilación forzada que asegure unha renovación do aire óptima. Seguiranse as recomendacións de operación e mantemento dos sistemas de climatización e ventilación de edificios e locais para a prevención da propagación do sars-cov-2 do Ministerio de Sanidade. Para mellorar a seguridade na bancada cambiarase a disposición das pezas horizontais a verticais e adecuaranse os banzos de acceso.
0
0
0
s2sdefault