Concello de Sanxenxo - O PAVILLÓN DE BALTAR ACOLLERÁ O CAMPIONATO GALEGO DE BOXEO O 4 E 5 DE NOVEMBRO CON PRETO DE 400 DEPORTISTAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 Un veciño de Sanxenxo, Sergio Berreco, de 16 anos, de Pibe´s Team Sanxenxo, competirá na cita
 
O presidente da Federación Galega de Boxeo, Manuel Planas, e o responsable do Pibe’s Team Sanxenxo, Sebastián Laterza, acompañados do concelleiro de Turismo, Juan Deza, presentaron o Campionato Galego de Boxeo que se celebrará no pavillón de Baltar os próximos 4 e 5 de novembro. Preto de 400 deportistas chegados de distintos puntos de Galicia daranse cita no municipio no “campionato galego con maior participación de boxeo da historia”, segundo Planas. A cita contará entre os seus participantes cun representante local, Sergio Berreco, de 16 anos, de Pibe’s Team Sanxenxo, que se estreou hai unha semana no Open celebrado de Ferrol. A pista do renovado pavillón acollerá dous rings onde se poderán gozar dos mellores combates en distintas categorías. Estará Manuel Jiménez ou Aaron González, entre outras figuras destacadas do boxeo. Planas puxo en valor a disciplina que xa aglutina en “Galicia o 40% das licenzas españolas de boxeo”.
 
Unha boa proba do auxe deste deporte é o crecemento do club fundado o ano pasado no municipio, Pibe’s Team Sanxenxo, que conta con 90 rexistrados, 70 deles xa federados. Nestes momentos, atópanse nunha das salas do pavillón de Vilalonga, pero os seus inicios foron no pavillón de Baltar ata a reforma. “Estamos moi contentos coa resposta da xente e mesmo hai outros concellos interesados en que vaiamos impartir clases”, asegurou Laterza. Pola súa banda, Juan Deza, agradeceu á Federación Galega de Boxeo que unha vez máis elixan Sanxenxo como sede deste campionato e incidiu na importancia deste tipo de eventos fóra da tempada alta. “Non só ten importancia a nivel deportivo senón tamén a nivel económico porque supón a chegada de máis de mil visitantes nunha fin de semana”, explicou Deza.
 
0
0
0
s2sdefault