Concello de Sanxenxo - A PRIMEIRA FASE DA REMODELACIÓN PORTUARIA DE SANXENXO CONCLUIRÁ O 1 DE DECEMBRO COA RAMPLA AXARDINADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e o director de obra, Roberto Aya, visitaron a actuación
 
A primeira fase da remodelación portuaria de Sanxenxo concluirá o próximo 1 de decembro coa rampla axardinada na que se prevé plantar durante o mes de novembro 14.691 especies diferentes. O alcalde, Telmo Martín, e o director de obra, Roberto Aya, así como membros da empresa adxudicataria dos traballos Oreco Balgón visitaron a actuación que xa se atopa co pavimento da senda practicamente concluído e á espera do axardinamento. O director de obra destacou a calidade dos materiais empregados e do proxecto gañador do concurso asinado por Paredes e Pedrosa. “Somos un amplo equipo de traballo que estamos a pé de obra, pero tamén en gabinete elixindo entre distintas opcións para lograr o mellor resultado”, dixo. O alcalde lembrou que esta primeira fase ten un custo de 1,5 millóns de euros que se “pagan cos cartos da empresa municipal Nauta Sanxenxo sen que lle custo un euro aos veciños” e que consiste un “unir de forma amable a trama urbana e a zona portuaria convidando ao paseo e ao goce dá vexetación”.
En canto á segunda fase que abarca a remodelación do edificio de Capitanía e o resto de edificios portuarios está previsto que se liciten a principios de 2024. En calquera caso, Martín destacou que “todo ten que estar rematado nesta lexislatura”. A primeira fase dará lugar a un novo espazo verde en pleno centro urbano de Sanxenxo, no que se plantarán 33 árbores (piñeiros e tamarices), 4.369 arbustos de oito variedades diferentes e un total de 10.289 plantas con especies autóctonas e diferentes momentos de floración que permitirán unha variación cromática ao longo do ano. A gañadora do Premio Arquitectura 2021 na categoría de "Sustentabilidade e Saúde. Valores universais" do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España, María Fandiño, é a encargada do deseño do novo xardín, da selección das especies arbóreas e dos tempos de plantación.
0
0
0
s2sdefault