Concello de Sanxenxo - SANXENXO COMPLETA O PANELADO DAS TORRES DE SOCORRISMO E REFORZA A ACCESIBILIDADE EN PRAIAS CON NOVAS CADEIRAS ANFIBIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Os 17 areais con bandeira azul dispoñen de desfibriladores e de equipos sanitarios completos

O Concello de Sanxenxo continúa coas melloras nas praias do municipio coa dotación de dúas novas cadeiras anfibias que se suman ás seis xa dispoñibles nas praias de Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas e Major. Ademais, completouse o panelado das torres de vixilancia nos areais de Foxos e Baltar con imaxes do municipio que melloran a estética e a confortabilidade, ao actuar como cortaventos. A adquisición deste novo material conta cunha axuda da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

Sanxenxo inviste cada verán 1,2 millóns de euros nos servizos de praias con bandeira azul. A maior partida destínase a salvamento e socorrismo, con máis de 670.000 euros, seguida dos operarios de limpeza, 160.000 euros. A aposta do goberno por este distintivo vén referendada polos 17.000 usuarios de media que visitan a diario os 6.790 metros de praias con bandeira azul, o 16,33% da costa do municipio.

Todos os módulos de socorrismo contan cunha ampla dotación de material entre o que se inclúe un desfibrilador en cada un dos areais de bandeira azul, balóns de osíxeno e unha mochila de emerxencias con todos os útiles sanitarios necesarios en caso dun accidente.

Respecto da accesibilidade, Sanxenxo conta con case dous quilómetros de pasarelas en praias e corredores especiais de acceso á auga para persoas con mobilidade reducida. Ademais, dispón durante a tempada alta de zonas de sombra en Silgar, Panadeira, Baltar, Caneliñas, Canelas e Panadeira.

0
0
0
s2sdefault