Concello de Sanxenxo - O ALCALDE E A CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS REÚNENSE CO RESPONSABLE DE ACCEM GALICIA POLO ALOXO DE MIGRANTES EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, mantiveron un encontro esta mañá co responsable de Accem Galicia, Daniel Bóveda, ante a chegada prevista de 62 migrantes ao municipio nos próximos días. A reunión que se celebrou nun clima de total transparencia serviu para resolver as dúbidas e preguntas para as que o Concello non tivera resposta ata agora por parte do goberno central, así como para tender lazos de colaboración e axuda.

Bóveda explicou que as instalacións nas que se aloxarán os migrantes procedentes de Senegal, Mali e Gambia contarán cun equipo profesional formado por seis persoas entre os que haberá psicólogos, traballadores e integradores sociais e un intérprete. A atención será continua durante as 24 horas do día. O programa de atención cobre as necesidades de aloxamento, manutención e atención social. Está previsto que os migrantes que cheguen a Sanxenxo sexan todos de sexo masculino e entre os 18 e 25 anos.

En canto ao tempo de estancia, en principio non superará o mes, aínda que nalgún dos casos, se son solicitantes de protección internacional, poderían pedir unha prórroga e ampliar o seu aloxo ata os tres meses. Durante o tempo que estean en Sanxenxo recibirán clases de español e talleres de contextualización sobre o país.

As súas necesidades básicas estarán cubertas, pero non se descarta solicitar axuda á poboación para doazóns de roupa de abrigo ou calzado, unha cuestión que será coordinada entre o Accem e o Concello unha vez cheguen a Sanxenxo. No seu momento, darase a coñecer o punto de recollida e as tallas necesarias. Ademais, o Concello puxo a disposición de Accem un espazo para que poidan realizar as actividades previstas no seu programa de integración. "Imos colaborar en todo oque poidamos e que precisedes. Sanxenxo é un pobo solidario e vaino a demostrar unha vez máis", dixo o alcalde.

0
0
0
s2sdefault