Concello de Sanxenxo - O PROXECTO DE XIMNASIA PARA MAIORES DE SANXENXO , FINALISTA NOS PREMIOS EUROPEOS "BEACTIVE AWARDS 2023"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Hai máis de 100 candidaturas e o gañador coñecerase o 23 de novembro en Bruxelas


O proxecto europeo sobre actividade física para maiores no que participa España a través do Concello de Sanxenxo e a Universidade de Vigo, xunto con Portugal, Italia, Bulgaria e Hungría é un dos tres finalistas ao premio BeActive Awards 2023 da Comisión Europea, na categoría de Across Generations. Este premio outórgase aos proxectos con maior impacto nas comunidades de persoas seniors de Europa.


A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, xunto ao edil de Deportes, Marcos Guisasola, e o coordinador do grupo HealthyFit da Universidade de Vigo, José María Cancela, acudiron esta mañá a unha das sesións de actividade física no pavillón de Baltar con máis de 100 maiores do municipio. Durante a visita, realizaron un repaso do proxecto que finaliza o próximo mes de decembro, tras unha prórroga de dous anos, e abordaron a posibilidade de realizar novos programas orientados á poboación senior.


Na edición deste ano 2023 dos 'BeActive Awards' formalizáronse máis de 100 candidaturas, distribuídas en catro categorías (Educación, Lugar de traballo, Heroe local e Transxeneracional), o que demostra o crecente interese de organizacións de toda Europa por dar a coñecer os seus proxectos que promoven o deporte e a actividade física entre xeracións, na comunidade, na escola ou no lugar de traballo. O gañador coñecerase o 23 de novembro en Bruxelas.


O proxecto In Common Sports 2018-2023, financiado polo programa ERASMUS + Sport, está nomeado para a categoría Across Generations, cuxo obxectivo é premiar proxectos que promoven o deporte interxeneracional. O proxecto, do que é coordinador o municipio de Vila Nova de Cerveira (Portugal), ten como principal reto profundar no coñecemento dos factores motivacionales para o exercicio físico continuo na poboación maior e o impacto da iniciativa Olympics4all como motivación adicional para un estilo de vida activo.


O consorcio de socios, que inclúe ao Concello de Vila Nova de Cerveira (PT), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (PT), o Concello de Cesena (IT), a Universidade de Vigo- Concello de Sanxenxo (E), o Concello de Aksakovo (BG) e a asociación Zöldpont (HU), levou a cabo un conxunto de accións integradas, como compartir e difundir boas prácticas, o estudo e a organización de competicións deportivas con xogos adaptados para persoas de 60 anos ou máis, as cales se diseminaron noutros territorios europeos que tamén buscan promover un estilo de vida saudable entre a poboación maior.
Os datos recompilados permitiron coñecer os motivos que levan aos anciáns a facer exercicio, determinar o efecto do exercicio físico na condición física e cognitiva das persoas maiores, e verificar o nivel motivacional asociado á competición Olympics4all, que xa conta con 8 edicións, especialmente na práctica regular de actividade física. Cabe lembrar que, en 2022, Sanxenxo foi sede das Olimpíadas con preto de 200 participantes dos países incluídos no proxecto.

0
0
0
s2sdefault