Concello de Sanxenxo - O ALCALDE VISITA AOS INMIGRANTES ALOXADOS EN SANXENXO E OFRECE A ACCEM A COLABORACIÓN DO CONCELLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello cederá espazos para as actividades que levará a cabo a ONG e colaborará na recollida de roupa e calzado

O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá aos 54 inmigrantes aloxados nun establecemento hostaleiro de Sanxenxo desde este xoves para interesarse pola súa situación e ofrecer a colaboración do Concello durante a súa estancia no municipio. Martín estivo acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, departamento desde onde se rexistrará e canalizará a axuda municipal. "Sanxenxo vai estar á altura como sempre e máis se se trata dun tema humanitario. Cónstanos que con Accem están en moi boas mans", explica Martín. Na mesma liña, lamenta que "a pesar de que poida haber empresas xa interesadas na súa contratación mentres se atopen en España, a actual lei de estranxeiría non permite a súa contratación de forma inmediata, aínda que sexa de forma temporal".

Procedentes de Senegal, na súa maioría, pero tamén de Mali, de Guinea Bissau e Guinea Conakri, o alcalde, a través dunha intérprete de Accem, puido comunicarse con eles e interesarse pola súa situación, a súa profesión no país de orixe, a súa familia, así como as súas afeccións. A visita realizouse nun ambiente distendido e próximo no que, algúns deles mesmo se animaron a mostrar o seu talento cun balón ou a realizar videochamadas co alcalde á súa familia. Entre eles, hai pescadores, condutores, camareiros, mecánicos, albaneis... e todos mostraron o seu interese por traballar e labrarse un futuro, lonxe do seu país de orixe.

O Concello colaborará na cesión de espazos para que Accem poida realizar as súas actividades de integración e de aprendizaxe de español, así como nalgunha actividade lúdica que lles faga máis agradable a estancia no municipio. Ademais, establecerá coa ONG a colaboración con roupa de abrigo e calzado. Unha vez determinadas as tallas e os números de pé que necesitan, o Concello recollerá nun punto, aínda por fixar, o material co que poderán colaborar os veciños do municipio que así o desexen.

0
0
0
s2sdefault