Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REFORZARÁ A VIXILANCIA PARA ACABAR COS PUNTOS DE VERTEDURAS INCONTROLADAS NO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Medio Ambiente contabiliza máis dunha decena de espazos nos que habitualmente se abandonan voluminosos e distintos tipos de residuos

O Concello de Sanxenxo, a través do seu departamento de Medio Ambiente e en coordinación coa Policía Local, reforzará a vixilancia para acabar cos puntos de verteduras incontroladas. Colchóns, mobles, electrodomésticos, restos de obra e mesmo residuos como uralita, que precisan un tratamento especial, son abandonados con frecuencia e de forma indiscriminada en distintas zonas co consecuente impacto para o medio ambiente, a saúde de persoas e de animais, así como para a imaxe do municipio.

Sanxenxo dispón dun punto limpo fixo, situado no lugar da Cereixeira, na parroquia de Padriñán, e dous puntos limpos móbiles que se desprazan de forma periódica polas distintas parroquias do municipio. Ademais, dispón dun servizo de recollida de voluminosos a través do teléfono, 638 240 885, e en horario de 9 a 14 horas. Con todo, pese contar con estes medios, o Concello segue detectando focos continuos de verteduras na contorna da depuradora de Paxariñas, a baixada á praia de Montalvo, na entrada ao polígono empresarial polo Santo, Monte Faro, O Rial, A Barrosa, A Telleira ou Soutullo, entre outros puntos. "Non podemos nin debemos tolerar este tipo de prácticas, polo que solicitamos a colaboración dos veciños á hora de informar e denunciar estas actitudes que, afortunadamente son illadas, pero moi perxudiciais para ou noso contorno. Cos infractores, tolerancia cero", asegura o concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres.

O Regulamento de Protección do Medio Ambiente, de limpeza pública e de recollida de lixo recolle como unha infracción moi grave "o verquido de lixos e refugallos en lugares non autorizados" que poden levar multas de ata 600 euros. O Concello incluirá no novo prego do lixo a recollida destes puntos de vertedura por parte da concesionaria e dos que agora deben facerse cargo os operarios municipais.

0
0
0
s2sdefault