Concello de Sanxenxo - CONCELLO E CÁRITAS ACTIVAN UN PLAN DE RECOLLIDA DE ROUPA E CALZADO PARA OS INMIGRANTES ACOLLIDOS EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Casa de Cultura de Dorrón abrirase polas mañás para que poidan recibir clases de español e realizar talleres de contextualización

A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, mantivo esta mañá un encontro cos responsables de Cáritas en Sanxenxo para activar un plan de recollida de roupa e calzado co que colaborar na cobertura das necesidades básicas dos inmigrantes africanos acollidos recentemente en Sanxenxo. En coordinación con Accem, a ONG que se encarga da súa atención, o Concello recollerá roupa deportiva das tallas M, L e XL e calzado cómodo dos números do 40 ao 47, así como mochilas ou bolsas de viaxe (non maletas) onde poidan gardar as súas cousas. O punto de recollida que se habilitará de forma excepcional será a base do servizo de Emerxencias de Sanxenxo.

O Concello cederá o uso da Casa de Cultura de Dorrón para que persoal de Accem poida dar clases de español e realizar talleres de contextualización do país. Ademais, tamén se porá a disposición da ONG, sempre que non interfira con outras actividades, instalacións municipais onde poidan realizar deporte. O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, xa se puxo en contacto con algún club que colaborará na súa integración abrindo a súa participación en adestramentos, así como a asistencia a algún partido ou competición deportiva como público.

A solidariedade tamén se manifestou no sector privado. Empresas como Monbus colaborará de forma altruísta con desprazamentos nos que sexa necesario un medio de transporte e Peycar doará chalecos reflectores para que poidan desprazarse con seguridade polo municipio nas horas do día con escasa visibilidade

0
0
0
s2sdefault