Concello de Sanxenxo - A BIBLIOTECA DE SANXENXO ACOLLE O ESPECTÁCULO INFANTIL "A IGUALDADE NON TEN TRUCO" DENTRO DO PROGRAMA DO 25-N
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade terá lugar o 23 de novembro ás 18:30 horas. Haberá inscrición previa ata completar aforamento

O Concello continúa coa súa programación do 25-N baixo a lema "Sanxenxo. Concello libre de violencias machistas". Da man de Sara Rodríguez e Carlos Tomico, chega a Sanxenxo "A igualdade non ten truco", un espectáculo divertido e máxico para todos os públicos que transmite ademais unha mensaxe esencial para a sociedade actual: Promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas. A actividade terá lugar o vindeiro xoves, 23 de novembro, ás 18:30 horas na Biblioteca de Sanxenxo. Os interesados deberán inscribirse previamente no teléfono, 986 72 79 36, ata completar aforamento.

Neste espectáculo de maxia educativa, unha maga e un mago forman este dúo para realizar misterios e imposibles que ademais nos levarán por diferentes conceptos do feminismo e da igualdade de xénero. Viaxes e transformacións inexplicables, un conto de fadas reinventado, ou unha volta atrás no tempo á época das primeiras e máis importantes meigas; son algúns exemplos do que poderedes ver neste espectáculo cheo de sorpresas ata o final onde nada é o que parece.

Unha aventura máxica para toda a familia na que descubriremos que, efectivamente, a igualdade de xénero non ten truco ningún. As magas antigas e modernas tiveron e aínda teñen que enfrontarse a unha realidade chea de estereotipos e prexuízos tanto por parte do público como dos seus compañeiros ilusionistas. Estes problemas non existen só no mundo da maxia, polo que tamén veremos como estas desigualdades se dan na vida cotiá de todas as mulleres e en moitas outras profesións.

A actividade está financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero.

0
0
0
s2sdefault