Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL DE SANXENXO REALIZARÁ UNHA CAMPAÑA ESPECIAL DE CONTROL DE TRÁFICO E DE SEGURIDADE VIARIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

No marco das accións de vixilancia e prevención, a Policía Local de Sanxenxo realizará a partir do próximo luns, 20 de novembro, unha campaña especial de control de tráfico e de sensibilización en seguridade viaria. Esta acción manterase durante a ponte de decembro e as festas do Nadal, coincidindo cun incremento nos desprazamentos en vehículos e tamén cun maior consumo de alcol nas comidas e ceas. O obxectivo do departamento, dirixido polo concelleiro Xoán Manuel Pérez, é reducir os accidentes de tráfico no municipio e obrigar ao cumprimento das normas básicas de seguridade viaria como respectar os límites de velocidade establecidos e facer uso do cinto de seguridade e do casco, no caso das motocicletas.

A campaña arrincará o luns 20 cos controis do servizo de transporte público como os autobuses escolares e os taxis. A Policía Local vixiará especialmente que se circula á velocidade permitida e que non se fai uso do teléfono móbil ou outros aparellos que supoñan distracción. Tamén se realizarán controis de alcol e outras drogas entre os condutores. Ademais, debido á importancia que ten o cinto de seguridade en caso de accidente, prestarase especial atención ao o seu uso naqueles autobuses escolares que os leven instalados. Por suposto, comprobarase que as autorizacións e documentos que deben ter son os correctos para a prestación do servizo e verificarán tamén, tanto que as condicións técnicas e os elementos de seguridade do vehículo sexan os que esixe a normativa, como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución ou os tempos de condución e descanso.

Desde o 27 de novembro e ata o 3 de decembro, prestarase especial atención aos sistemas de retención e cintos de seguridade en turismos. E durante as festas do Nadal incrementaranse os operativos de control de velocidade e alcolemias. As estatísticas reflicten que o alcol segue sendo a sustancia máis consumida polos condutores falecidos, seguida da cocaína, cannabis e psicofármacos.

0
0
0
s2sdefault