Concello de Sanxenxo - A CANALIZACIÓN DE PLUVIAIS AVANZA NO VIARIO A SALGUEIRA-ARNOSA COMO TRABALLO PREVIO AO ASFALTADO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto, incluído no Plan de Asfaltados, inclúe unha senda peonil para mellorar a seguridade viaria na contorna

Tras unha tregua das intensas choivas, o plan de asfaltados encara a súa recta final cos dous que quedan pendentes, o da Salgueira-Arnosa e o do Telleiro. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Obras e Servizos, Yago Torres, visitaron os traballos que se iniciaron en Vilalonga coa canalización de pluviais, como paso previo ao asfaltado. Tamén está prevista unha senda peonil de 740 metros de lonxitude e dous metros de ancho de formigón coloreado e un paso de peóns. Esta senda unida á colocación de barras transversais de redución de velocidade suporán unha importante mellora de seguridade viaria na zona. As obras en Noalla, na contorna do colexio do Telleiro e o campo de fútbol, está previsto iniciarse nos próximos días. Tamén inclúe melloras na seguridade viaria con bandas transversais e senda peonil.

O total de actuacións do Plan de Asfaltados abarcan unha superficie lineal de 5.274 metros ao longo do sete parroquias e inclúen tamén a limpeza e apertura de cunetas, recrecidos de pozos e pintados na zona. Trátase dunha actuación que permitirá mellorar a seguridade do viario destas estradas ao actuar no seu firme, nalgúns casos notablemente deteriorado, o que dá lugar a situacións de risco e inseguridade para os usuarios. En liñas xerais, as obras consisten en aplicar unha capa de rodaxe e unha regulación do firme nos tramos necesarios en función das características de cada viario.

Doutra banda, Covsa xa iniciou tamén os traballos de asfaltado entre Xuncablanca e Altamira en Vilalonga. A actuación, valorada en 43.998 euros, conta cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e abarca unha superficie total de 2.873,40 metros cadrados. Trátase dun camiño con moderada intensidade de vehículos lixeiros e pesados que dan servizo ás explotacións forestais próximas. É unha vía de comunicación importante tanto para desprazamentos internos como de comunicación con Meaño cara ao sur e coa estrada PO-550 cara ao norte.

As obras previstas consisten na reparación da capa de rodaxe do camiño municipal mellorando a superficie de rodaxe e a rede de drenaxe das escorrentías superficiais do viario e as leiras linderas. A zona de actuación é un camiño que comunica os núcleos de Xuncablanca e Altamira que actualmente ten un pavimento de material bituminoso deteriorado, con fochancas, zonas con desprendemento de capa de rodaxe e "pel de crocodilo". Tamén se inclúe a limpeza de cunetas a ambas as marxes para mellorar a escorrentía superficial e a drenaxe do camiño e leiras.

0
0
0
s2sdefault