Concello de Sanxenxo - CONCELLO E DEPUTACIÓN RUBRICAN O CONVENIO PARA DAR LUZ VERDE Á RENATURALIZACIÓN DA CONTORNA DA PEIXEIRA EN PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O proxecto valorado en 990.537 euros será financiado ao 80 e 20% por ambas as administracións a través do programa PON2030

Renaturalizar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque será posible tras a firma esta mesma mañá do Concello de Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra. A actuación que abarca unha superficie total de 3.100 metros cadrados está valorada en 990.537 euros e será financiada a través do programa PON2030. O organismo provincial farase cargo do 80% e a administración local do 20%. O alcalde, Telmo Martín, destacou o carácter "transformador" da mellora e agradeceu a implicación do goberno provincial coa actuación.

O proxecto céntrase na contorna comprendida entre a capela de San Roque e o miradoiro da Peixeira. Unha zona moi transitada e con vivendas que está atravesada pola Avenida de Pontevedra, unha estrada cun tránsito considerable e sen elementos de calmado de tráfico que deixa os peóns nunha situación de vulnerabilidade. Con esta obra, o ámbito volverá ser un espazo para a convivencia da veciñanza.

Os traballos basearanse na construción dunha serie de plataformas enlazadas, mediante costas accesibles e escaleiras, que conectarán ambos os dous espazos. O tráfico rodado quedará nun segundo plano coa implantación dun carril único e badenes á entrada e saída da zona para reducir a velocidade. Deste xeito, o espazo dedicado aos peóns gañará en amplitude e estará dotado con bancos, mobiliario urbano, nova iluminación e árbores aproveitando os muros das plataformas.

Pero o aspecto máis transformador da intervención ten que ver co miradoiro. Eliminaranse as barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais presentes entre o núcleo e o miradoiro ao desmantelar o muro de contención actual para renaturalizar a fachada marítima e mellorar paisaxística e funcionalmemente a conexión do núcleo co mar.

Desde o goberno provincial recoñecen que se trata dun proxecto moi interesante porque dá cumprimento a un dos obxectivos do goberno, que é a transformación do espazo urbano dos concellos seguindo os criterios da axenda europea, como son a loita contra cámbio climático, reducindo a presenza de coches; o fomento de hábitos de vida saudable, creando itinerarios peonís; ou a protección do medio ambiente a través da renaturalización da fachada marítima e do miradoiro da Peixeira.

Despois de asinar o acordo, o presidente da Deputación quixo tamén pór en valor o traballo que está a facer o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, para modernizar o espazo urbano de Sanxenxo, ao que felicitou pola súa vontade de cooperación institucional e polo seu carácter municipalista que comparte co goberno provincial.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar finalizadas antes de 30 de abril de 2025. A firma deste protocolo entre Deputación e Concello de Sanxenxo realízase coa modificación das bases do programa PON2030 en vigor.

0
0
0
s2sdefault