Concello de Sanxenxo - O CONCELLO AMPLIARÁ E MELLORARÁ O PUNTO LIMPO MUNICIPAL CON MATERIAIS ECOLÓXICOS E UN INVESTIMENTO DE 160.000 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prazo de execución da obra é de oito meses

O Concello de Sanxenxo ampliará e mellorará o Punto Limpo municipal cun investimento de case 160.000 euros. O custo financiarase con fondos propios e unha subvención europea do Plan de Recuperación Next Generation. A obra sairá a licitación proximamente e o prazo de execución da obra é de oito meses.

O proxecto recolle a cuberta para a zona de almacenamento de residuos cuxa exposición ao sol e á auga teñen efectos prexudiciais para a súa reciclaxe e valorización. En particular residuos de aparellos eléctricos e electrónicos como pilas, téxtiles, vernices e outros residuos perigosos. Así mesmo, procederase á compra de colectores para as distintas fraccións de residuos que permitirán unha recollida separada das fraccións de téxtiles e residuos domésticos perigosos.

As obras a realizar consisten na realización da cuberta de colectores a instalar dunhas dimensións en planta de 8,00 m x 18,00 m, cunha superficie de 144,00 m², cuberta a unha auga, estrutura metálica, con material de cubrición e dous laterais de chapa nervada sinxela, así como a mellora das instalacións de saneamento, electricidade e fontanaría do punto limpo. Ademais, realizarase a compra de novos colectores e un computador para o control do funcionamento do punto limpo.

A actuación contará con materiais e equipos que contan coa categoría de verde ou ecolóxica acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sustentables. A cuberta proxectada é lixeira e facilmente desmontable sendo os seus materiais desde a cimentación, estrutura e material de cuberta reciclables.

A parcela dispón na actualidade dunha superficie aproximada, de 14913,77 m², dispón no seu interior dunha zona con colectores para depósito de residuos, unha caseta de control e zonas para almacenamento ao aire libre de colectores.

0
0
0
s2sdefault