Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RENOVARÁ A PONTE, A PASARELA E A VARANDA DO SENDEIRO DE MAJOR CON FONDOS NEXT GENERATION
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Na subvención tamén se inclúe a adaptación e mellora dos baños de Foxos para persoas con mobilidade reducida

O Concello de Sanxenxo renovará a ponte, a pasarela e a varanda do Sendeiro litoral de Major que se atopa na actualidade nun importante estado de deterioración. De feito, por motivos de seguridade e ante a inestabilidade das madeiras da senda precintouse o paso para evitar caídas. Esta actuación será financiada ao 90% cos fondos Next Generation a través de Turismo de Galicia nos que tamén se inclúe a adaptación e mellora dos baños de Foxos por un total de 48.375 euros.

Os traballos na pasarela consistirán na construción dunha ponte de plástico reciclado, con acabado similar á madeira, composto por vigas encapsuladas de aceiro galvanizado con plástico de 200x100 milímetros de sección, entarimado de táboa de plástico reciclado ranurada de 150x30 milímetros de sección e varanda antiescalable de táboa e pasamanos.

Nos baños, a obra consistirá na rehabilitación de estrutura de vigas de piares de aceiro galvanizado, o chan será de taboleiro de madeira fenólica con pavimento de lamas vinílicas acabado en madeira. O baño completarase con 7 inodoros, un deles adaptado, tres lavabos, tres espellos e cambiador de cueiros. Tamén, colocaranse colgadores, xaboneiras e dispensadores de hidroxel.

O Concello pon así en valor os seus recursos turísticos e continúa coa súa mellora de servizos en praias.

0
0
0
s2sdefault