Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACENDE MAÑÁ A SÚA ILUMINACIÓN DO NADAL CUNHA FESTA NA PRAZA DE PASCUAL VEIGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A rúa Madrid e a Praza dos Barcos contarán, por primeira vez, cun fío musical con melodías do Nadal

A Praza de Pascual Veiga volverase a converter mañá, un ano máis, no epicentro festivo da iluminación do Nadal cunha festa na que non faltará nin a música nin a animación. Entretendas Centro Comercial Urbano, en colaboración co Concello de Sanxenxo, repartirá 600 gorros de Papa Noel e a discoteca Master porá a música a partir das 17:30 horas. A conta atrás para o aceso será ás 18 horas cando os 503 elementos decorativos luminosos repartidos por 12.372 metros cadrados do municipio comecen a brillar ata o próximo 8 de xaneiro.

O departamento de Cultura e Eventos, dirixido por Elena Torres, levou o Nadal aos distintos puntos do municipio con propostas orixinais e variadas, entre as que destacan, un tren na Praza dos Barcos, un balancín na Praza Méndez Núñez ou un Belén na oficina de turismo. Ademais, para crear aínda un maior ambiente do Nadal, a Rúa Madrid e a Praza dos Barcos contará desde mañá con fío musical do Nadal tras o aceso, en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas.

Ademais, este ano Cultura busca a implicación de veciños e establecementos comerciais a través dun Concurso de Iluminación do Nadal no que se repartirán 3.250 euros nun total de seis premios. Os elementos decorativos deberán permanecer expostos desde o 1 de decembro ata o 6 de xaneiro, ambos inclusive e entre o 1 e o 4 de decembro, todos os participantes deberán enviar fotos ou vídeos dos seus escaparates, fachadas ou exterior das súas vivendas a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. Hoxe péchase o prazo con máis  de 40 inscritos. O fallo do xurado darase a coñecer o próximo 7 de xaneiro na Praza de Pascual Veiga.

A partir de mañá, abre tamén o Ice park no parking de Nauta con pista de xeo, pista americana e food trucks. Os prezos son de 7 euros para a pista de xeo, 4 euros para a pista americana e un prezo especial de 9 euros por ambos os xogos. Un novo atractivo para este nadal cunha pista de xeo de 30 metros de longo e unha zona de lecer inchable de 30 metros de longo con desafíos ao longo da súa extensión.

0
0
0
s2sdefault