Concello de Sanxenxo - SANXENXO GAÑA UN NOVO ESPAZO VERDE COMO CONEXIÓN ENTRE A VILA E O PORTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación enmárcase dentro da concesión que a empresa municipal Nauta obtivo da Xunta para xestionar o porto ata 2047

Sanxenxo xa pode gozar dun novo xardín no centro da vila de máis 5.000 metros cadrados. Un espazo con especies autóctonas, carreiros accesibles e un auténtico miradoiro sobre a ría. O alcalde, Telmo Martín, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitaron esta mañá acompañados do presidente da Deputación, Luis López; o delegado do goberno, Agustín Reguera, e o presidente de Portos de Galicia, a rampla axardinada que constitúe a primeira fase do proxecto de remodelación do porto de Sanxenxo, Jose Antonio Álvarez Vidal. Durante o percorrido, os arquitectos do proxecto "Batea en Terra", Ignacio Pedrosa e Angela Paredes, explicaron o significado desta primeira actuación.

A actuación enmárcase dentro da concesión que a empresa municipal Nauta Sanxenxo obtivo da Xunta para xestionar o porto ata 2047. Telmo Martín fixo referencia a ela na súa intervención na que realizou un pequeno balance da historia do porto. "Hai 22 anos este espazo era un problema, hoxe afortunadamente é unha oportunidade, a través da concesión coa que conta Nauta para a súa explotación e que agora se renovou ata 2047", dixo. Na mesma liña, destacou o papel do Real Club Náutico de Sanxenxo e da Confraría de Pescadores dentro da contorna portuaria durante estes anos.

O rexedor incidiu no carácter autofinanciable da empresa municipal Nauta Sanxenxo. "Todo o que se fixo aquí non lle custou un euro aos veciños, faise cos beneficios que a propia actividade xenera, e así seguirá sendo nas seguintes fases", explicou. Martín pediu á Xunta axilidade na tramitación do Plan de Usos do Porto de Sanxenxo para que poida estar listo "no verán de 2024" póndose como obxectivo culminar a segunda fase do proxecto, o umbráculo, en 2026.

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galicia felicitou ao alcalde pola actuación e brindoulle a colaboración da Xunta en futuras actuacións. "Conta sempre con nós porque promocionando a capital do turismo de Galicia, todos saimos gañando", asegurou. Rueda asegurou que desde hoxe "Sanxenxo conta cun lugar máis, das marabillas que hai xa no municipio e en Galicia e seguro que se vai converter nun referente", sinalou.

0
0
0
s2sdefault