Concello de Sanxenxo - O COLEXIO MAGALÁNS CELEBRA UNHA XORNADA DE CONVIVENCIA COS INMIGRANTES AFRICANOS ALOXADOS EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Coincidindo co Día Internacional do Migrante, o colexio Magaláns de Dorrón celebrou esta mañá unha xornada de convivencia cos inmigrantes africanos aloxados no municipio. Unha actividade que, a directora do centro educativo, Marila Dios, cualificou de "magnífica e enriquecedora". "É moi importante ensinarlles outras culturas e outras realidades. Foi unha mañá moi emotiva coa que todos aprendemos", explica.

A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, xunto a docentes e alumnado recibíronlles á primeira hora ás portas do centro educativo. Unha vez dentro do edificio, os nenos e nenas agasalláronlles co himno da alegría e unha panxoliña, eles responderon con outra canción africana tradicional. A música serviu de preámbulo á presentación de tradicións e culturas de Mali, Guinea e Senegal, países dos que son orixinarios a vintena de inmigrantes que aínda permanecen en Sanxenxo. Coa axuda de tradutores de Accem, a información expúxose de forma clara e didáctica a través de imaxes: Modo de vida, costumes, a situación do seu país...

A continuación, nunha parede branca do patio e coa intención de inmortalizar a visita, pintaron xuntos un colorido mural con distintos motivos. Tras a pintura, compartiron unha chocolatada con rosca e xogos tradicionais como a chave, a ra, o catro en raia ou os zancos. A visita culminou como empezou: Con música e baile. Un intercambio cultural e de experiencias na que alumnado, docentes e migrantes gozaron compartindo as súas tradicións e a súa cultura, sen que a barreira do idioma supuxese problema algún.

Ás 13 horas, o servizo gratuíto de autobús de Monbús recolleu aos inmigrantes e ao persoal de Accem no exterior do centro educativo onde foran deixados pola mañá para trasladalos ao hotel Baixamar pondo fin á visita.

O CEIP Magaláns foi un dos centros xunto o da Florida que se interesaron por realizar algún tipo de actividade de convivencia ou de intercambio cultural cos inmigrantes aloxados no municipio.

0
0
0
s2sdefault