Concello de Sanxenxo - O CONCELLO MELLORA A ILUMINACIÓN DO PAVILLÓN DO COLEXIO DA FLORIDA CON LUCES LED
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno traballa coa Xunta no proxecto de rehabilitación integral do centro educativo que inclúe un novo pavillón

Dentro dos traballos de mantemento das instalacións municipais, o Concello de Sanxenxo acaba de substituír a iluminación do pavillón do colexio da Florida por luces led para conseguir unha maior potencia lumínica e mellorar a eficiencia enerxética. O cambio de luminarias realizouse con persoal do departamento de Obras e Servizos, dirixido por Yago Torres, do mesmo xeito que a reparación de gretas na cuberta detectadas tras os pasados temporais.

Mentres tanto, o goberno traballa coa Consellería de Educación no proxecto de rehabilitación integral do centro educativo no que se inclúe un novo pavillón. Así se comprometeu o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante a súa última visita ao centro educativo e tras escoitar as demandas do equipo directivo do colexio máis antigo de Sanxenxo, que acolle a máis de 200 alumnos.

O CEIP A Florida participa en moitos dos programas educativos da Consellería, como é o caso do Club de Ciencia, Contratos Programa tanto no campo da inclusión como da innovación, o libro dixital E-dixgal ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

O colexio foi tamén un dos seleccionados por Educación para a dotación do Polo Creativo, unha nova iniciativa que supón contar cun espazo de innovación educativa con equipamento especializado para traballar as competencias de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas.

Entre as actuacións da Consellería de Educación nos últimos dous anos en Sanxenxo, fai falta destacar a construción do novo colexio Cruceiro (cun investimento de 5,25 millóns de euros), a rehabilitación integral do colexio de Portonovo (con preto de 800.000 euros) e a substitución da cuberta do instituto de Vilalonga (365.000 euros).

0
0
0
s2sdefault