Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLERÁ A ESTREA DO MUSICAL "UNHA NOITE NA EIRA DO TRIGO" NO AUDITORIO EMILIA PARDO BAZÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A obra audiovisual poderá gozarse o 29 de decembro, ás 21:30 horas, e a entrada será gratuíta, previa retirada de invitación

Sanxenxo suma un evento máis á súa programación do Nadal coa estrea do musical "Unha noite na eira do trigo" o próximo 29 de decembro no Auditorio Emilia Pardo Bazán, ás 21:30 horas. A entrada será gratuíta até completar aforamento, pero os interesados en acudir deberán retirar a invitación antes do próximo mércores, 27 de decembro, nas instalacións do Auditorio.

O musical, baseado no poema de Manuel Curros Enríquez, convertido en cantiga polos Tamara, conta coa participación de máis de medio centenar de veciños e veciñas do municipio en localizacións como A Arnosa, o Pazo O Revel, o porto de Portonovo, a taberna de O Risonsiño, entre outros lugares. A banda sonora corre a cargo da orquestra A Ocaband, pero tamén participan Manuel Manquiña e Pepo Suevos. Á fronte da dirección atópase Xoán Manuel Paradela, Dani Dopazo e Carlos Alleres.

O musical  preestrenouse en abril no bar O'Spa de Vilalonga cun gran respaldo por parte dos espectadores e agora farase de forma oficial o próximo 29 de decembro. Trátase dun musical diferente onde se mestura o teatro, o cinema e a música para trasladar ao espectador desde a actualidade até os anos 30 e 80. A través do poema e con ata 15 cancións dos Tamara nárrase a historia de tres xeracións diferentes xogando co espectador en distintos espazos e creando un forte vínculo emocional.

O musical que dura aproximadamente 90 minutos conta co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Sanxenxo. Noia o día 4 de xaneiro e Quiroga o día 6 pon punto e seguido ás citas co musical.

0
0
0
s2sdefault