Concello de Sanxenxo - O PLENO APROBA A ADHESIÓN DE SANXENXO AO PROGRAMA DE RECICLAXE A TRAVÉS DA PLANTA DE COMPOSTAXE DE SOGAMA EN VILANOVA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Na sesión extraordinaria tamén se deu luz verde a un convenio de colaboración coa Deputación para a retirada de vehículos abandonados

Sanxenxo deu o pasado venres un paso máis para a mellora do tratamento de residuos orgánicos. O Pleno aprobou a adhesión do municipio ao programa de reciclaxe a través da planta de compostaxe de Sogama en Vilanova en funcionamento desde o pasado mes de novembro cos votos favorables do PP, PSOE e a abstención do BNG. A edil de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, expuxo os dous obxectivos desta medida: Reciclar mellor cumprindo a directiva europea en materia de residuos orgánicos a través da planta de compostaxe e aforrar 18 euros por tonelada de residuos orgánicos. Tendo en conta que, como media, Sanxenxo xera 11.000 toneladas ao ano (10.978 toneladas en 2022) o aforro roldará os 200.000€ anuais.

Desde hai pouco máis dun mes a concesionaria puxo en marcha un plan piloto de recollida dos residuos orgánicos a algúns establecementos que xeran importantes cantidades con gran éxito e, á vez, habilitáronse os colectores marróns en 9 illas de residuos. En calquera caso, o goberno seguirá traballando durante 2024 e 2025 até conseguir que o 100% dos residuos orgánicos acaben no contendor marrón e finalmente na planta de compostaxe de Vilanova. Cabe lembrar que o goberno xa traballa na redacción do prego do novo concurso da recollida de lixo e a limpeza viaria. O obxectivo é sentar as bases para mellorar substancialmente estes servizos como xa se fixo o pasado mandato cos servizos de depuración, saneamento e abastecemento de auga.

Ademais, o Pleno deu luz verde ao convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e os concellos da provincia cunha poboación inferior a 50.000 habitantes para dar continuidade ao servizo de retirada de vehículos abandonados. Así mesmo, tamén se aprobou a proposta de Alcaldía de delegación no ORAL das competencias de xestión tributaria, recadación e inspección da taxa polo aproveitamento especial de dominio público local por instalacións de transporte de enerxía.

0
0
0
s2sdefault