Concello de Sanxenxo - OS REIS MAGOS VIAXARÁN EN MUSTANGS CONVERTIBLES E OS PAXES REAIS SOBRE CABALOS EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



A comitiva sairá ás 16:30 horas da lonxa de Portonovo e chegará ao redor das 18 horas ao Ice Park para unha recepción real

Máis de 600 quilos de caramelos repartiranse mañá na Cabalgata de Reis que está previsto que salga ás 16:30 horas da lonxa de Portonovo e chegará ao redor das 18 horas ao Ice Park de Sanxenxo. A comitiva percorrerá Rafael Picó e Avenida de Galicia para logo meterse por dirección contraria por Punta Vicaño e o Paseo de Silgar. A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, visitou esta mañá o punto da recepción e supervisou a decoración do Tren Mago.

As súas Maxestades viaxarán, se o tempo o permite, en Mustangs convertibles para desprazarse polas rúas do municipio saudando ás familias mentres que os paxes farano a lombos de cabalos. O Tren Mago pechará a comitiva con nenos de Sanxenxo gañadores do sorteo que se fixo polos colexios.

As familias poderán saudar aos Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, durante a recepción que se realizará no recinto do Ice Park, no parking de Nauta. Alí poderán fotografarse con eles e recibirán unha bolsiña con caramelos.

A actividade dará comezo xa pola mañá. As súas Maxestades visitarán as escolas infantís municipais do Tombo e O Revel, así como o Centro de Día. Mentres tanto os seus paxes, percorrerán no tren Mago as parroquias como previa á cabalgata da tarde.

Como xa é tradición, a Asociación Cultural Soalleira de Dorrón interpretará a súa Danza de Reis en distintas prazas de Sanxenxo como Pascual Veiga, Rosa dos Ventos, Ice Park e, finalmente, Praza dos  Barcos.

0
0
0
s2sdefault