Concello de Sanxenxo - SANXENXO MOSTRARÁ EN FITUR AS SÚAS BAZAS TURÍSTICAS DURANTE OS 365 DÍAS DO ANO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os tótems situados á entrada da feira servirán de escaparate para mostrar a variada oferta de Sanxenxo

Sanxenxo mostrará en Fitur, entre o 24 e o 28 de xaneiro, o seu potencial turístico e a súa oferta diferenciada para os 365 días do ano. Baixo o slogan "Sanxenxo 365 días diferentes". Cada día, cada fin de semana, cada estación é diferente en Sanxenxo, o municipio líder do norte de España durante o verán, mostrará xa nos tótems da entrada á feira a súa variada oferta a través de oito imaxes. Á cita acudirán a primeira tenente de alcalde de Sanxenxo, María Deza; o concelleiro de Turismo, Juan Deza, como representantes do Concello e a edil de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, a través da Mancomunidade do Salnés.

Nelas pódese ver a ruta de sendeirismo de Dorrón que evoca a paisaxe verde, unha parella de flamencos na lagoa de Rouxique en Vilalonga como potencia do turismo ornitolóxico; dous pescadores entre Punta Corveiro e Punta Faxilda mostrando as posibilidades deportivas e paisaxísticas; aparellos no porto de Portonovo que reflicten a riqueza gastronómica e a actividade pesqueira; a regata do campionato de Europa da Clase 6 Metros como símbolo dos deportes náuticos; unha muller gozando dun spa que evoca o turismo de saúde e benestar, vistas do Paseo de Silgar iluminado como referente comercial e a capela da Lanzada, icona do patrimonio de Sanxenxo.

Ademais, Sanxenxo disporá, por cuarto ano consecutivo, cun espazo propio na caseta de Turismo de Galicia no que se elixiu como imaxe unha fotografía da praia de Canelas na que se aprecia o areal no seu estado natural e a beleza da Ría de Pontevedra, así como a calidade das súas augas. Unha calidade indispensable para manterse como líder en bandeiras azuis no territorio español. Hai que lembrar o esforzo de Sanxenxo por manter a calidade das súas augas cun investimento de 36 millóns de euros na mellora das redes de abastecemento, depuración e saneamento de auga.

As imaxes dos tótems e da caseta foron cedidas pola Asociación Ollares de Portonovo e o Real Club Náutico de Sanxenxo que souberon captar a beleza do territorio e as posibilidades turísticas. A ambos, o Concello agradece a súa colaboración.

0
0
0
s2sdefault