Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 467 EMBARCACIÓNS CON ATA 10 BANDEIRAS DIFERENTES RECALARON NO PORTO JUAN CARLOS I EN 2023
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cifra supón un lixeiro incremento do 3,3% respecto de 2022

Un total de 467 embarcacións de ata dez países diferentes recalaron no porto Juan Carlos I durante o ano pasado. A cifra supón un lixeiro incremento do 3,3% respecto de 2022 que demostra o crecente interese de Sanxenxo como base portuaria estratéxica na Ría de Pontevedra. Os barcos con bandeira española (295) están á cabeza da listaxe seguidos de Irlanda (32), Francia (29), Alemaña (28), Portugal (20), Suecia (11) e Reino Unido (10). Pero tamén recalaron no municipio embarcacións procedentes de diversos puntos como Rusia, Eslovenia, Noruega, Países Baixos, Lituania, Italia, Finlandia, Estonia, Dinamarca, Chile, Suíza, Bélxica e Austria.

En canto ao tipo de barcos, os de vela seguen na cabeza, 312, seguidos dos de motor, 155. Tamén se segue percibindo un incremento na eslora das embarcacións que recalan no porto Juan Carlos I. Un total de 157 tiñan ata 12 metros de eslora e 141, até 15 metros. A venda de combustible tamén rexistrou un repunte en 2023. A gasolineira do porto despachou 138.519 litros de gasolina e 175.035 de gasoil, case un 8% máis que o ano pasado.

A empresa municipal Nauta Sanxenxo que se encarga de xestionar o porto xa está a recibir petición de reservas para este ano aínda que a apertura destas solicitudes non se producirá ata febreiro.

Para dar cabida á súa demanda, o porto deportivo sanxenxino dispón dunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados, cunha lámina de auga de 90.000 m2, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 m2 de espazo peonil. A entidade acaba de ampliar a súa concesión até 2047, vinculada a diferentes proxectos destinados a mellorar a fachada marítima, con "Batea en Terra" como principal expoñente, coa súa primeira fase xa finalizada.

0
0
0
s2sdefault