Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PON EN MARCHA UN NOVO PLAN DE VOLUNTARIADO PARA XÓVENES E MAIORES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os interesados deben anotarse na Casa de Don Fernando, de luns a venres, en horario de 10 a 14 horas

O Concello pon en marcha a través do Departamento de Xuventude, que xestiona Marcos Guisasola, un novo Plan de Voluntariado de carácter transversal que inclúe a xóvenes e maiores. O obxectivo é crear unha rede municipal de voluntariado que axude a mellorar a vida das persoas e que, á vez, reporte beneficios aos que participen no programa. O plan inclúe cinco áreas de intervención:

  • Social-Asistencial: Acompañamentos, apoio ás persoas con necesidades específicas e asociacións sociosanitarias.
  • Culturais: Colaboracións de persoas voluntarias como apoio en actos e actividades promovidas polo Concello, colexios, asociacións, comisións de festas...
  • Educativas
  • Ambientais: Actividades de coidado de medioambiente ou campañas puntuais.
  • Deportivas: Actividades deportivas promovidas polo Concello ou asociacións.

Os interesados en participar contarán cun seguro e deberán anotarse na Casa de Don Fernando, en horario de 10 a 14 horas, para posteriormente ser entrevistados e coñecer o seu grao de dispoñibilidade e horarios. No caso das intervencións sociais e asistenciais, o voluntariado deberá recibir unha formación específica. Para o desenvolvemento do plan considérase a diversidade de idades como un valor positivo e enriquecedor. Proponse tres grupos:
1. Voluntariado xuvenil: de 12 a 17 anos
2. Voluntariado adulto: de 18 a 65 anos
3. Voluntariado adulto maior: de 65 a 100 anos.

Cabe lembrar que desde a Concellería de Xuventude está a realizarse, con gran éxito, o taller "Nas túas mans. Aprendendo xuntos, aprendemos todos". Unha actividade intergeneracional coa que voluntarios do programa +Xuventude ensinan a persoas maiores do municipio a utilizar o teléfono móbil, o computador e outros dispositivos electrónicos.

Os principais obxectivos desta actividade son aprender sobre tecnoloxía e, ao mesmo tempo, compartir vivencias e experiencias, coñecer a realidade das persoas maiores e as dificultades coa fenda dixital e fomentar as habilidades sociais de comunicación e colaboración.

A actividade é gratuíta e realízase todos os xoves de 17 a 18 horas na Casa Mariñeira de Don Fernando, en Portonovo. As persoas interesadas deben anotarse no espazo onde se imparte o taller ou no teléfono 986 724 297.

Actividade IES Sanxenxo
Doutra banda, a técnica de Xuventude realizará durante este trimestre, todos os xoves, no IES Sanxenxo unha intervención para o alumnado de 1º da ESO coa que se fomente a convivencia creativa e positiva a través de charlas-debate, procura de solucións e dinámicas de traballo que favoreza a convivencia no centro. O obxectivo é previr o bullying ou acoso, burlas, desprezos, así como o illamento ou veto de alumnos.

0
0
0
s2sdefault