Concello de Sanxenxo - SANXENXO MANTIVO EN 2023 O SEU PULSO URBANÍSTICO COA TRAMITACIÓN DE 256 LICENZAS DE OBRA MAIOR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O departamento dirixido por María Deza tramitou un total de 1.066 expedientes durante o pasado ano

A actividade urbanística mantén o seu pulso en Sanxenxo. Durante o pasado ano o departamento de Urbanismo dirixido por María Deza incoou un total de 1.066 expedientes e un total de 528 comunicacións previas. As cifras son similares ás de 2022 cando se tramitaron 1.177 expedientes, así como un total de 272 licenzas maiores e 587 comunicacións previas.

Ademais, durante este último ano incrementouse a actividade de plan e desenvolvemento, así como a reactivación dos chans urbanizables suspendidos en 2017 e que se retomaron tras adaptarse á nova realidade urbanística do municipio reducindo a súa edificabilidade e ampliando os espazos e zonas verdes. En canto ás cifras económicas, o departamento de Tesouraría e Recadación municipal liquidou do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) 1,1 millón de euros durante 2023.

Un crecemento que vai parello ao aumento de poboación que roza xa os 18.000 habitantes, segundo os últimos datos manexados polo padrón municipal, así como ao interese por adquirir unha vivenda en Sanxenxo. Segundo datos da auditoría realizada dentro da elaboración da Axenda Urbana 2030, o municipio está a converterse nun punto de atracción como lugar de residencia durante os meses non só de verán senón tamén outono e inverno. Así, o estudo contabiliza que o 37% da poboación é orixinaria doutro territorio e o 12% de fóra de Galicia. Uns datos que coinciden coas cifras do estudo Big Data encargado pola Mancomunidade do Salnés no que se reflicte, no mes que menos se incrementa a poboación, 2.000 persoas máis residindo, respecto da cifra oficial, como propietarios de segundas vivendas. Unha realidade que xa durante o Covid transmitira persoal sanitario do centro de saúde de Baltar en base ás atencións de desprazados.

0
0
0
s2sdefault