Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONSTITÚE A MESA DE TURISMO QUE SE REUNIU HOXE POR PRIMEIRA VEZ
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O órgano de carácter consultivo reunirase polo menos dúas veces ao ano e está formada por representantes de todas as actividades do sector turístico

Esta mañá reuniuse por primeira vez a mesa de turismo. A orde do día contemplaba unha intervención inicial do alcalde e, a continuación, unha rolda de intervencións do resto de membros. O obxectivo deste órgano consultivo é compartir ideas e unificar estratexias entre as distintas actividades que constitúen o sector turístico de Sanxenxo.
A mesa está formada por 10 membros:
• Alfonso Martínez, presidente do CETS
• Dulcinea Aguín, presidenta AVITURGA
• Julio Presas, presidente de Entretendas
• Leonardo López, director Carlos I
• Sabino Montes, dono Restaurante Sabino
• José Ameneiros, director Mar de Vela
• Fabián Buezas director comercial de Interrías
• Romina Fernández, técnica de Turismo de Sanxenxo
• Juan Deza, concelleiro de Turismo
• Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo


A mesa de turismo centra a súa estratexia en 3 obxectivos:
1. Protexer e potenciar a marca Sanxenxo
2. Mellorar a calidade dos servizos públicos e privados
3. E seguir crecendo, especialmente na tempada baixa.

En principio, está previsto reunirse dúas veces ao ano, antes e despois do verán, pero convocaranse as reunións extraordinarias que sexan necesarias: a próxima reunión celebrarase o 9 de abril.
Na súa intervención inicial o alcalde trasladou aos asistentes que a maior achega que pode facer o Concello para favorecer a actividade turística (á parte da seguridade e limpeza) é seguir mellorando infraestruturas, facer equipamentos e humanizar espazos públicos.


Puxo varios exemplos entre os que destaca as melloras previstas polo convenio de Acuaes e a concesionaria da auga que supoñen un investimento de 36 M€ en mellorar a depuradora e a rede de saneamento e auga. O alcalde dixo que "Sanxenxo vive e viviu sempre das súas augas, as súas rías, por iso estas actuacións son a mellor forma de garantir o seu futuro turístico". Tamén se referiu ao Centro Gastronómico do Pazo Quintáns, o novo mercado e a humanización de espazos públicos.
Doutra banda, dixo que os datos do BIG DATA demóstrannos que este outono e este Nadal, a pesar de que choveu como nunca, Sanxenxo volveu a confirmar que é moito "máis que verán".
Outros membros da mesa interviñeron para destacar a importancia de manter unha oferta hostaleira e de restauración continua que inclúa o mes de xaneiro, que é o período do ano que menos establecementos abren. Tamén se falou sobre o nivel de satisfacción que expresan os visitantes nas enquisas que fai Segitur. Valoración positiva da programación do Nadal e o número de visitantes que tivo Sanxenxo nesas datas e a consolidación da FP dual de hostalaría, unha vella reclamación do sector, que aínda terá maior proxección, cando se conclúa a rehabilitación do antigo colexio O Cruceiro.

0
0
0
s2sdefault