Concello de Sanxenxo - O ORZAMENTO DE SANXENXO CRECE ATA Os 45,2 M€, UN 15% MAIS QUE EN 2023
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


O goberno convocou a comisión de facenda o martes 23 e levará o orzamento para a súa aprobación ao Pleno ordinario do 29 de xaneiro.

O orzamento de Sanxenxo ascende a 45,2 M€ distribuídos en: Entidade Local 30,6, M€, Terra Sanxenxo 7,7 M€, Turismo de Sanxenxo 1,8 M€, Nauta 2,2 M€, e Insula 2,9 M€. O orzamento crece en 6,2 M€ (+15%) con respecto a 2023 que era de 39 M€.

As áreas de goberno que máis peso teñen no orzamento son os servizos sociais e a seguridade cidadá. No caso do primeiro hai un incremento que supera os 600.000 €, un 23% máis. Dos 2,6 M€ de 2023 aos 3,2 M€ do novo orzamento, que se envorca especialmente na mellora do servizo de atención no fogar (SAF) aos veciños con algún grao de dependencia. Outro servizo con gran relevancia orzamentaria é a seguridade cidadá á que o documento destina 3,5 M€ distribuídos entre a policía local, o servizo de emerxencias e o servizo de salvamento e socorrismo das praias.
No capítulo de investimentos hai que destacar que na súa gran maioría fináncianse nun 80% con recursos doutras administracións: fondos europeos, da Xunta e a Deputación. É o caso do Pazo Emilia Pardo Bazán, a rehabilitación do colexio O Cruceiro, o miradoiro da Pexeira e a súa conexión co campo de San Roque en Portonovo, as actuacións do convenio de Acuaes, as melloras no exterior do Pazo Quintáns e o seu equipamento, a reforma da Telleira e o primeiro tramo da senda do litoral da ría de Arousa entre Meaño e a fábrica Campo.

Outros investimentos de menos contía son a mellora do punto limpo, a pasarela do sendeiro de Bordons, o sendeiro de Major - A Lanzada, o lavadoiro de Fontoira, adquisición de mobiliario para os pavillóns de Baltar e Vilalonga e o viario entre Altamira e Vilalonga entre outras actuacións.
Por último, o orzamento tamén contempla recursos para o pago pola expropiación dos terreos dos Rocafort. O Concello está á espera de coñecer a resolución do TSXG sobre os prazos para abonar a cantidade pendente.

0
0
0
s2sdefault