Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DO CAMPO DE FÚTBOL DE DORRÓN E DO PAVILLÓN DE VILALONGA ESTARÁN CONCLUÍDAS ESTA PRIMAVERA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín visitou esta mañá as obras que se están executando no campo de fútbol de Dorrón e no pavillón de Vilalonga. Os traballos avanzan a bo ritmo en ambas as parroquias. Se o tempo o permite, Dorrón estreará as novas instalacións deportivas esta primavera. Os traballos céntranse no remate dos vestiarios e nas bancadas. A zona de bancada cuberta completarase cunha ampla terraza anexa á cantina desde onde tamén se poderá ver os partidos.

As obras, que ascenden a un millón de euros, están a ser executadas por Espina & Delfín, empresa concesionaria do abastecemento da auga en Sanxenxo, compensación polo canon xerado no anterior contrato. A obra contempla a dotación de céspede de última xeración para a práctica de fútbol 11 e 7. O proxecto inclúe a colocación do céspede sintético de base elástica homologado pola FIFA, sistema de rega e iluminación. Ademais, acondicionarase a parcela exterior do campo como estacionamento.

O terreo de xogo contará cunha rede de rega con seis canóns de rotación lenta e constante con 10 estacións. A iluminación do campo de fútbol 11 proxéctase con torres de 20 metros de altura e cinco proxectores para conseguir unha iluminación óptima para a práctica do fútbol. Colocaranse redes recolle balóns nos fondos do campo cunha altura de 6 e 4 metros nos fondos de fútbol 7.

En Vilalonga os traballos céntranse na impermeabilización das instalacións, ata agora imposible debido ás continuas choivas, e a pintura interior tanto das cerchas como da cuberta. A actuación que se está levando a cabo contempla o saneamento do muro exterior para evitar as filtracións de auga ao interior das instalacións, así como a impermeabilización dos voladizos e da cuberta, e tamén se inclúe a reparación dos falsos teitos nos baños do ximnasio. Ademais, habilitouse un vestiario para árbitros. Nas próximas semanas cambiarase o pavimento do terreo de xogo por un novo de PVC, de 6,7 mm de espesor. Á súa vez tamén se pavimentará o núcleo de escaleiras e o ximnasio situado baixo a bancada. A actuación ten un custo total de 249.101 euros.
Ademais, o goberno ten previsto renovar os terreos de xogo do campo de fútbol de Noalla e de Baltar de arriba ao longo deste ano. Estas actuacións unidas á recente reforma integral do pavillón de Baltar, o peche do pavillón de Nantes e a substitución do terreo de xogo do campo de fótbol de O Revel completa a lista de actuacións nas instalacións deportivas municipais.

0
0
0
s2sdefault