Concello de Sanxenxo - SANXENXO RECIBIU 758.508 VIAXEIROS QUE SUMARON UN TOTAL DE 3.820.335 PERNOITAS EN 2023
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A capital turística das Rías Baixas consolídase como destino os 365 días do ano cun 32% dos viaxeiros en tempada baixa

Ata 2022 a única ferramenta da que se dispuña para medir a actividade turística eran os datos do INE que só contabilizan viaxeiros e pernoitas dos hoteis. Grazas ao Big Data por xeolocalización do teléfono móbil da Mancomunidade do Salnés, agora contamos con datos dos viaxeiros que se hospedan en calquera dos aloxamentos que ten Sanxenxo (hoteis, vivendas turísticas, apartamentos, segundas residencias e cámpings). Ademais, rexistra persoas que visitan o municipio polo día, aínda que non pasen a noite. Só se escapan da xeolocalización as persoas sen móbil, que adoitan ser de idade moi avanzada ou nenos de menos de 10 anos.

Os datos máis reveladores corresponden á tempada baixa. O 32% dos viaxeiros que pasaron a noite en 2023, en concreto 245.141 persoas, fixérono nese período do ano. A maiores, o 43% das persoas que estiveron en Sanxenxo durante o día (1.001.079) fixérono tamén na tempada baixa. Cifras que demostran que o obxectivo da desestacionalización que o sector e o Concello expuxéronse a principios de século comeza a ser xa unha realidade. Outra cousa distinta é que siga habendo marxe de mellora nos meses de outono e inverno.

Ata o 2000 ningún hotel abría despois do Pilar e ata a Semana Santa. A partir de entón unha serie de hostaleiros apostaron por todo o ano. A estes sumáronse posteriormente outros hoteis e negocios de hostalaría de maneira que, dúas décadas despois, as cifras de actividade en tempada baixa son relevantes. (Achegamos foto dunha zona de tapeo moi concorrida a noite do pasado fin de ano, algo impensable hai anos)

En 2023 Sanxenxo alcanzou os 3,8 millóns de pernoitas, cifra que supera as hostaleiras do INE e que, agora sabemos, que representan o 25% do total de pernoitas. O 75% restante, por orde de importancia, corresponde ás segundas residencias, as vivendas turísticas, os apartamentos turísticos e os cámpings.

Achegamos documento cos datos dos 12 meses:

  • A columna 2 recolle os 2.387.764 visitantes que tivo Sanxenxo polo día sen chegar a pasar a noite.
  • A columna 3 contabiliza os 631.627 visitantes que pasaron a noite menos de 15 días.
  • A columna 4 inclúe os 126.787 visitantes que pasaron a noite un mínimo de 15 noites consecutivas ou 18 non consecutivas nun mesmo mes, que son familias que teñen segundas residencias ou alugan unha vivenda durante máis dunha quincena.
  • Por último, a columna 5 recolle o total de viaxeiros 758.508, que é a suma das dúas columnas anteriores.

A maiores, o documento ofrece datos separados da tempada alta e baixa.

0
0
0
s2sdefault