Concello de Sanxenxo - COMEZA A INSTALACIÓN DE PUNTOS WIFI GRATUÍTOS, CÁMARAS DE CÁLCULO DE PERSOAS E PANORÁMICAS NA PRAIA DE SILGAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación enmárcase dentro do proxecto Red.es e prevese que estea operativo este verán

Os traballos para dotar á praia de Silgar de 10 puntos wifi gratuítos, 10 cámaras de cálculo de persoas a través de dispositivos móbiles e unha cámara panorámica que permita ver en directo o estado da praia empezaron esta semana coa instalación de acometidas e instalacións eléctricas. No Paseo de Silgar, colocaranse cámaras tracking de última xeración que poidan ler con tecnoloxía OCR as matrículas de vehículos. O sistema permitirá crear estatísticas sobre densidade de tráfico, tipos de vehículos que acceden a Sanxenxo, tempo de estancia e mesmo xerar alertas se se detectan vehículos buscados polos corpos de seguridade.

En canto ao control de afluencia de praias, Sanxenxo levará a cabo un proxecto piloto en Silgar que permitirá coñecer de forma precisa o número de bañistas que acceden á praia, as horas con maior número de persoas... Toda esta información aparecerá recollida nunha pantalla que se poderá ver desde o propio areal. Esta actuación enmárcase dentro do proxecto dotado con 1,4 millóns de euros "Sanxenxo e O Grove: Polos Turísticos Intelixentes" do programa nacional Red.es. Os obxectivos que se perseguen son profundar no coñecemento do turista, implementar solucións tecnolóxicas para xestionar o destino nos meses estivais e mellorar a eficiencia na prestación de servizos públicos con alta incidencia no visitante.

Nunha clara aposta pola mobilidade sustentable Sanxenxo contará cun sistema de aluguer de bicicletas con dúas paradas en Sanxenxo e Portonovo. As bicicletas estacionaranse nunha marquesiña pechada para evitar actos vandálicos e os usuarios deberán acceder a través dun código.

Ademais, instalaranse un total de 25 puntos wifi en distintas parroquias do municipio en zonas como Areas, Canelas ou Baltar, así como Noalla na contorna da Lanzada. Tamén se colocarán outras 14 cámaras de tracking en rotondas e accesos a Sanxenxo para axilizar o control da entrada e saída de coches.

A previsión é que todas as actuacións previstas no proxecto estean implantadas antes de que comece o verán en todo o municipio.

0
0
0
s2sdefault