Concello de Sanxenxo - TURISMO DE SANXENXO XA CONTA CUNHA PROPOSTA DE ADXUDICACIÓN PARA O BALIZAMENTO DE PRAIAS ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Trabajos y Mantenimiento de Estructuras Sumergidas foi a empresa gañadora, única licitadora do proceso, cunha oferta de 273.363 euros

A empresa municipal Turismo de Sanxenxo xa conta cunha proposta de adxudicación para o balizamento de praias este verán. Trabajos y Mantenimiento de Estructuras Sumergidas (Trames) foi a empresa gañadora, única licitadora, que presentou unha oferta de 273.363 euros por unha duración de catro anos. Nestes días deberán presentala documentación requirida para a firma do contrato.

As 21 praias que ten o municipio de Sanxenxo contarán, por primeira vez, con balizamento para separar as zonas de baño das áreas de recreo náutico. Esta medida, que xa se instalaba na maioría dos areais, ampliarase a todas as praias este verán. Agora contarán coa zona de baño delimitada A Granxa, Pampaido, Area de Agra, Areas, Nanín, Carabuxeira, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro.

Pero antes do verán, xa de cara a Semana Santa, a colocación deste balizamento realizarase nas cinco praias urbanas, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas e Canelas, que contarán ademais con iluminación LED. Outra das novidades será a inclusión no contrato da delimitación das canles de nado entre as praias de Silgar, Baltar e Caneliñas. Unhas aboias amarelas delimitarán o percorrido que empeza no extremo dereito da praia de Silgar bordeando Punta Vicaño polo mar ata chegar a Baltar. A lonxitude desta senda marítima é de 1.800 metros, mentres que o segundo itinerario é na praia de Caneliñas cunha extensión de 150 metros. O balizamento inclúe flotadores salvavidas nos distintos tramos

A empresa levará a cabo, durante a duración do contrato, a limpeza, acondicionamento, reparación, reposición/adquisición, traslado, montaxe, desmonte, retirada, provisión, garda e custodia do material necesario para o correcto balizamento das praias e canles de nado.

O material que se vaia danando durante a duración do contrato deberá ser reposto pola empresa e, unha vez, conclúa o período do servizo, todos os elementos do balizamento pasarán a ser de propiedade municipal.

0
0
0
s2sdefault