Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO REFORZARÁ O SEU PERSOAL CON 28 PERSOAS PARADAS CON AXUDA DA DEPUTACIÓN E DA XUNTA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O custo total das contratacións ascende a 389.125 euros e as incorporacións comezarán en marzo

O Concello de Sanxenxo reforzará o seu persoal municipal con 28 persoas paradas con axuda da Deputación e da Xunta a partir do mes de marzo. A través do Plan +Provincia incorporaranse 7 auxiliares administrativos e 14 peóns de obras pública. Os contratos serán de xornada completa e parcial por un período de 10 e 6 meses, respectivamente. O custo da contratación ascende a 286.639 euros, achegando o organismo provincial 244.453 euros e o Concello, 42.185 euros.

Dentro do departamento de servizos, os peóns contratados repartiranse entre o departamento de medio ambiente e mantemento de parques e xardíns, así como a limpeza de praias. Entre a listaxe de tarefas atópasne tamén os labores de mantemento de rutas e infraestruturas, camiños ou lugares do municipio. Os auxiliares administrativos centraranse nas áreas de tesouraría e recadación, urbanismo, arquivo municipal, así como atención á cidadanía.

A selección farase a través do Servizo Público de Emprego onde os interesados deberán estar inscritos nas súas listas de demandantes e reunir os requisitos esixidos. Terán prioridade os parados de longa duración.

Ademais, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, o Concello contratará a través do programa Aprol rural (Apoio Servizo Limpeza de Montes e Planificación preventiva) a 2 peóns agrícolas durante 9 meses a xornada completa que estarán destinados ao mantemento do rural. O custo total é de 42.717,16 euros, dos que a Xunta achega 32.215,58 euros e 10.501,58 euros serán fondos municipais. O Concello tamén contratará a 5 peóns, perceptores da renda de inclusión social (Risga), durante 9 meses a media xornada. O custo total ascende a 59.769,28 euros dos que 56.891,41 euros serán subvencionados e o resto sufragarase con fondos municipais.

A concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, explica que estas incorporacións "permiten un dobre obxectivo seguir mellorando as cifras de emprego no municipio e prestar un mellor servizo en períodos de maior actividade económica como é Semana Santa e o verán".

0
0
0
s2sdefault