Concello de Sanxenxo - SANXENXO RECIBE UNHA SUBVENCIÓN PARA CREAR UNHA GUÍA INTERACTIVA TURÍSTICA DOS SENDEIROS LITORAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello creará unha guía turística interactiva dos sendeiros litorais de Sanxenxo mediante aplicación web e plataforma interactiva. Este novo soporte dixital estará formado por un visor cartográfico onde se localizarán todos elementos incluídos e un catálogo de fichas de cada un dos sendeiros. Este novo recurso turístico ten un custo total de 14.900 euros e conta cunha subvención de 13.410 euros dos fondos Next Generation dentro da liña 1 para a "Transformación do Modelo Turístico cara á Sustentabilidade".

O visor cartográfico e o catálogo de fichas contarán con ferramentas de procura e filtros para facilitar a experiencia dos usuarios. O acceso á aplicación da guía realizarase por medio de códigos QR e directamente desde a pantalla do móbil compatible con dispositivos Android e IOS. A aplicación actualízase en tempo real e enlaza cos sistemas de xeolocalización do propio móbil.

As fichas de cada sendeiro contarán con textos, documentos de interese sobre os recursos que se poden atopar na ruta, fotografías, vídeo 360° e track gps. A plataforma e fichas estarán dispoñibles en 7 idiomas. Co obxectivo de garantir a información aos usuarios e facilitar a información e o acceso 24 horas á mesma, instalarase unha pequena placa informativa cos códigos QR de acceso á aplicación e descarga do folleto dixital turístico en cada un dos paneis de inicio.

Sanxenxo é líder en España en Sendeiros Azuis con 8 rutas con este distintivo que se prevén incluír neste novo recurso turístico. O municipio inaugurou con catro rutas a súa listaxe de Sendeiros Azuis en 2017: O de Sanxenxo-Portonovo, que transcorre entre os dous núcleos e ten unha lonxitude de 8,61 km; o de Canelas-Punta Cabicastro, que vai desde o extremo máis oriental da praia ata os cantiis e mide 3,35 km; o de Montalvo-Major, que une ambos os areais pola costa e ten unha lonxitude total de 6,45 km, e o sendeiro máxico da Lanzada, que vai desde a praia de Foxos ata A Lapa e unha lonxitude de 3,03 km. En 2018 sumáronse dous novos, o Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, entre Areas e o punto máis ao sur, Punta Festiñanzo, con 1,5 km de percorrido, e o de Paxariñas e Montalvo, que transcorre entre as dúas praias e ten unha lonxitude de 3,35 km. En 2022 sumou a súa primeira ruta polo interior, a de Aldariz, con 6.300 metros, e a finais de 2023, a do Río Pintillón en Dorrón.

logos

0
0
0
s2sdefault