Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO INCLUIRÁ NO PLAN +PROVINCIA A HUMANIZACIÓN INTEGRAL DA CONTORNA DO PAVILLÓN E DO CENTRO DE DÍA DE BALTAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto inclúe un circuíto pump truck de 85 metros de percorrido con cinco rectas e cinco curvas, así como unha pista de chave

Potenciar a zona de equipamento deportivo de Baltar e integrar todas as zonas verdes baixo una mesma estética son dous dos obxectivos que o Concello de Sanxenxo persegue co proxecto de humanización da contorna do pavillón e do Centro de Día en Baltar. A actuación rolda os 250.000 euros e incluirase dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Con este fin exponse a intervención da parte dianteira do pavillón como un proxecto paisaxístico que conecte coa zona verde do Centro de Día, xerando zonas de estancia sensiblemente planas na base do noiro e no encontro entre os dous espazos coa soleira do pavillón. A actuación inclúe a instalación de bancos de formigón prefabricados con zonas de asento en madeira maciza e unha zona de pavimento duro pola que se poida camiñar.

Na parte exterior traseira do pavillón exponse a execución dunha senda de paseo realizada en xabre cemento, ideal para a práctica deportiva e unha zona central na que se colocará unha estación de adestramento. Tamén se expón unha nova sementa de céspede natural, respectando o arboledo existente.

No xardín interior do Centro de Día exponse a instalación dun toldo sobre unha zona de soleira de formigón. Para o mesmo exponse dunha nova soleira de formigón sobre o pavimento de lastro existente, nivelando as zonas de céspede para evitar descontinuidades. Na zona verde de maior tamaño exponse diferentes opcións co fin de garantir unha zona de sombra que permita a colocación de mesas e a xeración de zonas de estancia temporais. Na zona de céspede de menor tamaño exponse unha pequena pista de chave. En canto á edificación, debido ao mal estado da cuberta de metacrilato situada á saída do Centro de Día, exponse a súa substitución por unha de chapa tipo panel sándwich e a execución dun novo peche metálico que limite a zona das instalacións con respecto á zona verde, así como a inclusión dunha nova porta de comunicación no valo existente entre as dúas zonas verdes dianteiras. Como equipamento exponse a colocación do mesmo tipo de banco prefabricado de formigón con zonas de asento en madeira, dispostos na zona de céspede adxacente á circulación. A iluminación de todas as zonas verdes realizarase co mesmo tipo de báculo LED, de maneira que se unifique a imaxe final das intervencións.

Por último, exponse a construción dun circuíto de pump track, que se poderá percorrer completamente cunha bicicleta sen a necesidade de pedalear e só a través de impulsos mediante a inercia adquirida nos saltos e peraltes do circuíto e a propia habilidade do ciclista. Trátase dun circuíto onde se poderán practicar diferentes disciplinas de nivel avanzado con 84,80 metros de percorrido. Composta por un trazado de cinco rectas con diferentes perfís e cinco curvas formando peraltes. Dentro deste espazo, inclúese unha zona para descanso, descompresión ou quecemento conectado por dous puntos diferentes ás pistas do pump track. Nesta zona sitúase a área de descanso con aparca bicis. Dado o tipo de circuíto, do que non existe normativa reguladora do deseño nin das características que ha de cumprir, o deseño do proxecto requirirá de probas a realizar por bikers durante a execución do mesmo, comprobando así a súa adecuación aos requisitos que se esperan dun circuíto desta natureza.

0
0
0
s2sdefault